Letra: Manuel María (do libro “Aldraxe contra a xistra”, 1973)
Música: Fran Amil
Manuel María repasa a nosa historia, esquecida adrede nos manuais ao uso na época na que se publicou o poema. Afortunadamente, na actualidade achegámonos á nosa historia doutro xeito, pero cómpre seguir alerta, porque os tempos do esquecemento axiña se instalan na sociedade sen decatármonos.

Fran Amil: voz principal e batería
O Leo: colaboración voz
Paco Cerdeira: guitarra eléctrica
Álex Bardanca: baixo
Aarón Bouzón: EWI 4000 e teclados
Richi Casás: saxos alto e tenor
Lembrade que podedes ler a letra ao tempo que escoitades a canción.
- A nosa historia Fran Amil e a tribo incompren 4:37
(…) | |
A nosa Historia cabe | |
en poucas páxinas: | |
o sangue vertido | |
no Medulio, | |
as revoltas irmandiñas, | |
Pardo de Cela, | |
a voz dos Precursores | |
ardendo | |
en luminosa profecía: | |
Faraldo, | |
Brañas, | |
Rosalía, | |
Curros, | |
Pondal, | |
os mártires de Carral, | |
Vilar Ponte, | |
Cabanillas, | |
Alexandre Bóveda, | |
Castelao de Rianxo, | |
a ringleira sen fin | |
dos emigrados… | |
Ao lembrar | |
a nosa Historia | |
verdadeira | |
todo o noso ser | |
se pon en pé, | |
a nosa conciencia | |
esperta alporecida, | |
ferve o noso sangue, | |
latexa máis forte | |
o noso corazón, | |
sentimos a forza | |
das raigañas | |
que nos xuguen | |
á terra | |
e ao seu sino; | |
escoitamos como | |
a voz do vento | |
nos relata | |
os feitos memorábeis, | |
esquecidos adrede | |
nos manuais ao uso. | |
(…) |
Déixovos aquí un pequeno apéndice onomástico onde veremos quen son os personaxes citados no poema de Manuel María, relacionados coa nosa Historia.
Medulio.- O monte Medulio é o lugar da batalla dos galaicos, cántabros e ástures no ano 22 a.C. contra as lexións de Caio Fumio e Publio Carisio, e onde os últimos guerreiros resistentes se suicidaron durante o sitio. Para saber máis visitade esta páxina sobre o Monte Medulio, da Liga Céltica Galáica. Ou esta outra en castelán, escrita por Álvaro Van den Brule.
Revoltas irmandiñas.- Na Galicia meideval, os irmandiños eran os membros das Irmandades constituídas para a defensa dos seus intereses fronte aos abusos dos señores. No século XIV entrou en Galiza unha nobreza moi guerreira e que atacaba os mosteiros, os bispos, os burgueses e os campesiños. Esta nobreza xurdira despois das loitas de Pedro I “o Cruel” e Henrique II. Eran os Osorio en Lemos e Sarria, os Andrade en Pontedeume, os Sarmiento, os Ulloas, os Soutomaior… Loitaban contra as institucións e despoxábanas violentamente das riquezas que lles pertencían. A época conflitiva en Galicia foi no século XV. Dos constantes conflitos sociais salientan as “Guerras Irmandiñas” que foron dúas: a primeira por parte da “Irmandade Fusquenlla” (1431), e a segunda denominada “Gran Guerra Irmandiña” (1467-1469). Para saber máis visitade esta páxina en castelán de Desperta Ferro edicións. Ou esta outra tamén en castelán de Recreación de la historia.
Pardo de Cela.- Pedro Pardo de Cela foi un señor feudal que se enfrontou á política dos novos reis de Castela, Isabel I e o seu marido,Fernando II de Aragón. Foi decapitado o 3 de outubro de 1483, acanda o seu fillo Pedro, diante da catedral de Mondoñedo por mandato dos Reis Católicos. A figura do mariscal Pardo de Cela é unha das máis mitificadas da Historia de Galicia, moitas veces usada como símbolo de resistencia da nobreza galega fronte á castelá. Para saber máis visitade esta páxina en castelán de Celtiberia. Ou esta páxina tamén en castelán de O´Novo.
Precursores.- Denomínanse como precursores aqueles escritores que desenvolveron a súa actividade literaria entre os anos 1833 e 1863. Son as voces ilustradas e patrióticas dos galegos que denuncian a situación da lingua e a cultura galegas. A súa temática é máis próxima ao realismo xa que primordialmente reflicten acontecementos que lles toca vivir a eles e aos do seu redor. Reciben este nome por cumpriren o papel de iniciadores da literatura galega e o renacemento da súa cultura. Os precursores desenvolven órganos xornalistas na lingua galega e así prepararon o terreo para a chegada do Rexurdimento pleno. Manuel Murguía (1833-1923) non destacou como escritor en galego pero foi unha das figuras máis importantes deste período de cambio en Galiza. Foi un dos mellores defensores do galego e senta as bases que permiten definir a Galiza como nación. En 1886 publica o libro Los Precursores, obra na que fai unha descrición de varios personaxes da vida cultural galega, como Antolín Faraldo, Aurelio Aguirre, Leonardo Sánchez Deus, Félix Moreno Astray, Eduardo Pondal, Antonio Cendón, Rosalía Castro, Serafín Avendaño e por último, Benito Vicetto. Este concede a esta xeración de 1846 o “descubrimento” de Galicia. Para saber máis visitade esta páxina de Galicia Digital.
Faraldo.- Antolín Faraldo Asorey foi un escritor e xornalista galego, e un dos pais do movemento provincialista galego da primeira metade do século XIX e precursor do movemento literario. Para saber máis, visitade esta páxina do Consello da Cultura Galega. Ou esta outra en castelán da Real Academia de la Historia.
Brañas.- Alfredo José Francisco Higinio Brañas Menéndez foi un escritor e ideólogo do rexionalismo galego do século XIX. Para saber máis, visitade esta páxina en castelán da Real Academia de la Historia.
Rosalía.- Rosalía de Castro. A escritora da que partiu todo. Tedes información e enlaces sobre ela no noso artigo: Aniversario de nacemento de Rosalía de Castro. Non deixedes de escoitar “Negra sombra”, a nosa funky versión.
- NEGRA SOMBRA Fran Amil 3:26
Curros.- Manuel Curros Enríquez foi un poeta e xornalista galego, un dos tres principais representantes do Rexurdimento da literatura galega, acanda Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. Para saber máis, visitade esta páxina en castelán da Real Academia de la Historia. Ou esta outra tamén en castelán da Xunta.
Pondal.- Eduardo María González-Pondal Abente foi un poeta rexionalista galego, en lingua castelá e lingua galega. Un fragmento do seu poema “Os Pinos” constitúe a letra do Himno de Galicia. Foi unha das tres grandes voces líricas do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez. Para saber máis, visitade esta páxina de Literatura Galega. Ou esta outra en castelán da Real Academia de la Historia. Podemos acceder a este video en youtube no que Méndez Ferrín fala sobre Pondal.
Mártires de Carral.- Coñécense como Mártires de Carral os militares sublevados en varios lugares de Galicia en 1846 contra o presidente Narváez, que foron executados o 26 de abril na vila coruñesa de Carral. Para saber máis, visitade esta páxina de Cultura Galega. Ou esta outra de Galicia Digital. En castelán temos esta páxina do xornal El Ideal Gallego. Tamén en castelán esta outra páxina de Recreación de la Historia.
Vilar Ponte.- Antón Vilar Ponte foi un dos fundadores dunha das primeiras Irmandades da Fala e un dos principais alentadores do galeguismo de preguerra. Estudou farmacia, aínda que exerceu tamén o xornalismo. A súa obra abrangueu varios eidos (novela, ensaio, conferencias, discursos, etc) e especialmente a produción dramática, transmisora do ideario galeguista. Para saber máis, visitade esta páxina de Galicia Espallada. En castelán esta outra páxina de Recreación de la Historia.
Cabanillas.- Ramón Cabanillas Enríquez, escritor e autor de rápido recoñecemento popular e académico, Cabanillas conduciu á poesía galega cara á modernidade e a súa obra foi considerada desde os primeiros momentos dentro do canon da literatura galega. Admirado, mesmo idolatrado, polos principais dirixentes das Irmandades da Fala, é en relación con ese movemento onde debemos situar o seu labor. Aínda que para algúns críticos forma parte da Xeración de entre dous séculos xunto con Antonio Noriega Varela, o certo é que Cabanillas tamén pode ser considerado plenamente como “o poeta de Nós”. En fin, situalo como “o poeta das Irmandades” semella a mellor de todas as opcións, dado que é a que máis responde tanto á cronoloxía da súa obra como á propia actitude temático-estilístico que nela se manifesta, sempre na dirección de representar liricamente os “intereses” e “necesidades” do nacionalismo e, xa que logo, na procura dunha estética nacional. Para saber máis, visitade esta páxina do Consello da Cultura Galega. Ou esta outra da Real Academia Galega.
Alexandre Bóveda.- Alexandre Bóveda Iglesias foi un dos intelectuais galeguistas máis relevantes da Segunda República Española en Galiza, chegando a ser o motor do Partido Galeguista segundo palabras do propio Castelao. Para saber máis, visitade esta páxina en Youtube, onde temos esta lectura da última carta de Alexandre Bóveda, lida polo seu fillo Xosé Luis Bóveda. Aquí temos un interesante enlace á Fundación Alexandre Bóveda. Ou esta outra en castelán de Juan Oliver en Público.
Castelao de Rianxo.- Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Para saber máis, visitade esta páxina da Wikipedia, bastante completiña. Unha páxina interesante é a da Afundación Abanca, que ten parte da obra de Castelao. Ou esta outra de Cultura Galega.
Unha interesante páxina que recolle moitos dos mitos e heroes da cultura galega dos que fala Manuel María podemos velos nesta páxina.
E non deixedes de visitar a Wikipedia para buscar información de cada tema tratado.
Se queres ver máis letras do disco “A voz do vento” pincha AQUÍ.