Desta volta, son eu, Carlos Amil, quen vos conta que Fran Amil, o batería máis bravú, proxecta unha homenaxe de honra a unha arroutada musical que cumpre trinta anos: O rock bravú, esa etiqueta creada polas bandas galegas no ano 1994 para falar do “rock sen capar”. Galego e en galego, unha arroutada en palabras de Xurxo Souto, unha paixón que queima o peito, en acertada definición do escritor Javier Valiño. Unha descarga de bravura, un fito ineludible na historia da música popular galega.
Amilicia Bravú terá a súa presentación oficial na VIII Cita coa Historia das Pontes, sábado 16 de setembro de 2023.
Un combo electrizante que irá descargando cancións históricas de grupos que inscribiron os seus nomes na historia da nosa música. En case todos os grupos militou Fran Amil batendo a eito nos tambores. Deixemos que o conte o propio Fran Amil:
“Para min, persoalmente, é un reto importante na miña carreira, tras case 6 anos sen tocar a batería en directo, nun festival desta envergadura. Así que é unha grande responsabilidade, que asumo con ganas de pasalo en grande. E teño que dicir que tras varios ensaios, sinto que será moi agradable (cos seus nervios e adrenalina a tope, seguro) voltar ao escenario para xogar con ritmos folk, punk, ska, disco, funk, pop, jazz… Desta volta, coa compañía de musicazos como Iván Bernárdez no baixo; Eduardo Méndez Baamonde na frauta traveseira, saxo alto e gaita; Iria Iglesias no teclado; Ismael Marcos no saxo tenor e a gaita; e Jacobo Sainz na guitarra eléctrica.

Contar con Carlos Amil Serantes en diferentes facetas, resulta un apoio solvente e sólido. E ainda que nestes últimos anos centréime nos proxectos de Chuches Amil e Popsía, cantando e tocando a guitarra, sinto novos azos para tocar a batería e Amilicia Bravú será un bo reinicio e recarga de pilas, así que se queredes sentir o motor que latía en Os Papaqueixos; Diplomáticos de Monte Alto (alá polo ano 2003); Tres Trebóns (case tres lustros de boureo marabilloso); Ulträqäns (folk a toda velocidade, con outra década ás costas, por Europa adiante); Ondas Martenot (esa marabilla que mesturaba a poesía de Lois Pereiro coas músicas que tanto lle prestaban e que tan sabiamente fusionou Leo de Matamá); Banda Fura Fura (esa bandaza que no ano 2012 conmemorou a creación do Grandola de Zeca Afonso por escenarios de todo o pais); ou algúns dos momentos máis suliñados de A Voz do vento (con poemas de Manuel María, que saquei no ano 2016) ou Popsía (editado no 2021) xa sabedes onde estaremos esa máxica noite do 16 de setembro.
Estades convidad@s!!!!”
Pois iso, que eu non me perdería esta descarga bravú. E agardamos que non será a única. Irémosvos contando máis cousas.
Mentres, podedes facer unha visita a esta páxina da UVigoTv e botarlle unha ollada a este documental “Nor-Noroeste: A viaxe Bravú”, que fixeron Sonia Barros e Marta Piñeiro nos efervescentes anos 90 da Escola de Imaxe e Son de A Coruña. Protagonizado por Xurxo Souto, conta tamén coa presenza dun novísimo Fran Amil. Déixovos unha foto tirada do documental.

Outro documental que podedes mirar sobre o rock bravú é este titulado “Galiza Bravú“, feito por un grupo de estudantes de Comunicación Audiovisual. El@s son Xaime Miranda, Elena Albán Lombao e Sabela Sampedro

Visitade tamén esta páxina “Que pasa na costa” para ler este artigo de Ubaldo Cerqueiro titulado “Unha viaxe á historia do Bravú na Costa da Morte“, se queredes saber algo máis da historia deste movemento.