Amilicia Bravú reivindica o legado da arroutada rock

JAVIER BECERRA en “Fugas”, suplemento cultural de La Voz de Galicia. 15 de setembro de 2023.

Nun ano cúmprese o 30º aniversario do rock bravú, um movemento que sacudiu Galicia nos 90 e mostrou o son daquela música xurdida cando as guitarras eléctricas chegaron á aldea. en todo o barullo encontrábase Fran Amil, mítico batería de formacións xa lendarias como foron Os Papaqueixos, Os Tres Trebóns, Ulträcäns, e mesmo Diplomáticos de Monte Alto alá polo ano 2003. Agora, con todo o tempo pasado e sen esperar a que a efeméride sexa redonda, quere facer unha mirada atrás con Amilicia Bravú, unha homenaxe a esa arroutada musical na que estará acompañado por Iván Bernárdez no baixo; Dubi Baamonde na frauta traveseira, saxo alto e gaita; Iria Iglesias no teclado; Ismael Marcos no saxo tenor e a gaita; e Jacobo Sainz na guitarra eléctrica. El encargarase da voz solista e, por suposto, da batería.

“Para min, persoalmente, é un reto importante na miña carreira, tras case 6 anos sen tocar a batería en directo, nun festival desta envergadura” sinala o artista nunha nota promocional. “Así que é unha grande responsabilidade, que asumo con ganas de pasalo en grande. E teño que dicir que tras varios ensaios, sinto que será moi agradable, cos seus nervios e adrenalina a tope, seguro, volver ao escenario para xogar con ritmos folk, punk, ska, disco, funk, pop, jazz…”

Amilicia Bravú terá a súa presentación oficial na VIII Cita coa Historia das Pontes, sábado 16 de setembro de 2023. O músico asegura traer para ese concerto un combo electrizante que irá descargando cancións icónicas de grupos que inscribiron os seus nomes na historia da nosa música. En case todos os grupos militou Fran Amil batendo a eito nos tambores. Iso dálle un extra emocional e histórico a un concerto que vai servir para a lembranza de moitos, pero tamén para o descubrimento doutros que por idade ou por desconexión no seu día descoñecen aquela paixón roqueira nas que o heavy e o gaiteiro foron da man na busca do son da súa xeración. Non só o lograron, senón que o deixaron gravado na historia.