Aniversario de nacemento de Afonso X O Sabio

Afonso X O Sabio, rei de Castela e León, naceu en Toledo o 23 de novembro de 1221 e morreu en Sevilla o 4 de abril de 1284.

Desenvolveu unha política económica, coa que reformou a moeda e a facenda. Tamén levou adiante unha obra literaria, científica, histórica e xurídica realizada polo seu escritorio real. Afonso X patrocinou, supervisou e, moitas veces, participou coa súa propia escritura e en colaboración cun conxunto de intelectuais latinos, hebreos e islámicos coñecidos como Escola de Tradutores de Toledo, na composición dunha inxente obra literaria que iniciou en boa medida a prosa en castelán.

Destacan “Las Siete Partidas”, unha recompilación xurídica e de principios do dereito, e algúns tratados de xadrez e de astronomía. Ademais escribiu poesía en galego-portugués, como as “Cantigas de Santa María”, realizando unha grande achega á lingua culta do momento na corte do reino, a lingua galego-portuguesa. Tamén escribiu poemas trobadorescos. Por todo isto foi alcumado o Sabio.

Como nos conta Xosé Filgueira Valverde no seu libro “Afonso X e Galicia, e unha escolma de cantigas”, publicado pola Real Academia Galega no ano 1980: “Achegarse á figura e aos feitos de Afonso X é atopar unha das máis firentes paradoxas da vida histórica de Galicia, onde tantas se teñen dado. Foi, sen dúbida, o meirande “clásico” da nosa lingua. O seu rol nas letras galegas do medievo pode ter comparanza co que ten o Dante nas da Toscana; non é doado atoparlle parella de obra persoal e de corte nas outras literaturas da Romania. E, nembargantes, o home que fixóu e erguéu tan outo a fala literaria, foi un rei alleo cando non adverso á nosa Terra…”

Segue dicindo Valverde que o Rei Sabio tivo por aios a Garci Fernández, señor de Villardemiro e de Celada, e á súa muller dona Maior Arias. Os dous eran de estirpe galega e tiñan pazo e terras na bisbarra ourensá de Maceda, onde Marcelo Macías supón que Afonso pasóu parte da infancia, en Manzaneda de Limia, Allariz e outros lugares que lles pertencían, e que aquí aprendeu o galego. Ata Maceda achegámonos Carlos e máis eu para facer esta intervención no castelo, coa orixe datada no século XI, hoxe reconvertido en hotel restaurante. Unha curiosa característica deste castelo é que está considerada como a fortaleza cos muros interiores máis grosos de Europa.

Fran no castelo de Maceda

Sobre a autoría das “Cantigas de Santa María”, un conxunto de catrocentas vintesete composicións en galego-portugués, cómpre dicir que os expertos atribúen boa parte desas composicións a trovadores como Airas Nunes, pero existe consenso de que algunhas delas si son atribuibeis directamente ao monarca. Este operaría no conxunto da obra ao xeito dun arquitecto, dirixindo todo o traballo. Tamén hai quen di que toda a obra é responsabilidade directa do rei.

Nós escollimos esta “Rosa das rosas”, a cantiga número dez e a primera de loor da Virxe, porque é unha das cantigas máis coñecidas e versionadas. É unha das cantigas que se atribúen a Afonso X O Sabio na autoría. Case todas as interpretacións xorden da partitura orixinal, de estilo musical medieval. Pero nós quixemos facer un achegamento á actualidade, e démoslle un aire de rap e música latina, na que contamos coa increíble trompeta de Manu Payno cubaneando do lindo, a guitarra cubana chamada “tres” tanxida polo, este sí cubano, Francisco Rosa, Paco Cerdeira na guitarra eléctrica, Antón Torroncho no baixo, Arturo Vaquero na percusión, e as enormes Carmen Rey e Ángeles Dorrio nos coros, deixándome a min a voz principal, a batería e algunhas percusións diferentes ás de Vaquero.

  1. ROSA DAS ROSAS Fran Amil 3:44

Embed

Copy and paste this code to your site to embed.

ROSA DAS ROSAS
Esta é en loor de Santa María
como é fermosa e boa
e há gran poder…
Rosa das Rosas e Fror das Frores;
Dona das Donas, Señor das Señores.

Rosa de beldade e de parecer;
flor de alegría e de prazer.
Dona moi piadosa é.

Ai, ai, ai, loor, ai, ai, ai

A tal señor devo moito amar
que de todo mal pode gardar (pode)
pode os pecados perdoar
que fan no mundo malos sabores
Rosa das Rosas e Fror das Frores;
Dona das Donas, Señor das Señores.

Esta dona que eu teño por señor
é da que quero ser trobador
se eu non podo haber o seu amor
dou ao demo os outros amores.
Rosa das Rosas e Fror das Frores;
Dona das Donas, Señor das Señores.

Esta é en loor de Santa María
como é fermosa e boa
e há gran poder…
Dona moi piadosa é.
Rosa das Rosas e Fror das Frores;
Dona das Donas, Señor das Señores.

Ai, ai, ai, loor, ai, ai, ai

Santa María, Santa María, Santa María…

Se queredes profundar no estudio e simboloxía desta cantiga, podedes mirar nesta páxina en castelán adicada á música antigua.

Para celebrar esta efeméride, xunteime outravolta con Richi Casás e Fernando Román, na Casa Lourán, en As Restrebas no Val de Xestoso (Monfero, A Coruña) onde Anabel González deixounos amorosamente un espazo onde recoller a nosa homenaxe. Escollimos unha versión en acústico de “Rosa das rosas”, tocando eu a guitarra rítmica, Richi o saxo alto, e Fernando a trompeta. Desfrutádea.

Para escoitala, premede no título enriba da foto.

Podedes consultar tamén a obra de Antoni Rossell “”AX-G. Afonso X e Galicia” (2021), publicación do Consello de Cultura Galega. 

Se entrades nesta páxina en inglés atoparedes unha chea de facsímiles, estudos, glosarios e toda clase de marabillas para se perder perante horas nunha viaxe ao pasado. Atrevédevos!!

Pódese consultar tamén “La historia alfonsí: el modelo y sus destinos (siglos XIII-XV)”, estudios reunidos e introducidos por Georges Martin. Tarda un chisco encargar, pero paga a pena.

Esta interesantísima páxina da USC achéganos a nova de que un grupo de investigación da Universidade de Santiago estudia os nomes propios que aparecen nas Cantigas de Santa María.

E nesta páxina chamada Glosabio temos o resultado da investigación citada no parágrafo anterior. Non deixedes de visitala.

E para os máis afoutos e completistas, nesta páxina, tamén en inglés, atoparedes unha base de datos moi completa sobre as gravacións das cantigas. Así que xa vedes, podedes facer unha xeira rápida ou unha demorada. É a vosa escolla, meus e miñas.

Fran Amil diante do castelo de Maceda (Ourense), onde din que se criou Afonso X O Sabio. Foto e ilustración de Carlos Amil

Se queres ver máis efemérides relacionadas cos autores líricos do disco “Popsía Vol. I” pincha AQUÍ.