Aniversario de nacemento de Manuel Leiras Pulpeiro

Mondoñedo encheuse de luz o día 25 de outubro de 1854, para recibir a Manuel Leiras Pulpeiro. Andando o tempo, aquel meniño mindoniense habería deixar unha profunda pegada na vida e nos corazóns dos homes e mulleres da comarca, facendo honra á frase que mellor o caracterizaba: “Amou a verdade e practicou o ben”.

Como dicía Aquilino Iglesia Alvariño nun discurso de 1949 titulado “A lengua dos poetas do Norte de Lugo”: “Neste pórtigo de poetas piedosos, Leiras é o relaxado e o furafaz, o poeta maldito, bon materialista do seu tempo, de barbas brancas, corazón doído e amigo de facer ben”.

 “Cantares gallegos” foi o único libro que se editou en vida do poeta que se disfrazaba de médico, e está composto por poemas curtos, en estrofas de catro versos, escritos de xeito popular e costumista, que recolle cantigas de forte contido patriótico, sátira anticlerical e no que canta a Mondoñedo e as súas terras e aos seus homes e mulleres.

Voume pra a beira do río,
Que consola ouvil-a y-auga,
Porque a y-auga vai dicindo
¡Todo pasa! ¡Todo pasa!”.

A canción “Pena da roca” medrou en min arrecadando estrofas soltas do libro de Leiras Pulpeiro “Cantares gallegos”, publicado en 1911. A melodía xurdíu teimuda e baladística, e dictoume os instrumentos que haberían darlle forma aos intermedios musicais. Grandes músicos como Paco Cerdeira na guitarra, Marta Oro Amón no violín, Ricardo “Richi” Casás no saxo tenor e Fernando Román na gaita embeleceron o tema ata alturas expresivas de moita paixón e calidade. Son un suertudo por ter ao meu carón a artistas de tal talla.

  1. PENA DA ROCA Fran Amil 3:38

Embed

Copy and paste this code to your site to embed.

Dan cen voltas as formigas
para dar co mel na colmea;
pero dou máis eu buscando
o da boquiña das nenas.

¡Ai, quen me dera no souto
que hai xunto da miña casa!
¡Ai, quen me dera coas nenas
con quenes hai pouco brincaba!

Tal a miña pena era,
e tanto e tanto chorei
que a mesma pena da roca
co pranto meu abrandei.

Quedéime como o ramallo
que deixan soio na fraga;
non teño quen me agarime
do sol do vento e da iauga.

Unha tarde morna de outubro achegámonos meu irmán Carlos e máis eu a Mondoñedo, para facer unha pequena reportaxe sobre Leiras Pulpeiro coa que ilustrar este aniversario de nacemento do poeta e médico. Aquí tedes algunhas fotos na rúa Leiras Pulpeiro da localidade de Mondoñedo, a casa onde vivíu, e a campa Leiras Pulpeiro, que así se chama o espazo do cemiterio civil da vila onde está soterrado o noso protagonista. Acompañounos Jose Luís Fernández Ansedes, imprescindible e auténtico axitador cultural de Mondoñedo e arredores. Estando en Mondoñedo, é imposible non achegarse á catedral, ou botar un parrafeo co lendario Álvaro Cunqueiro, quen nos falou de Merlín e a súa familia, de Ulises cando era mozo, do incerto señor Hamlet, do vello Sinbad, dun home que se parecía a Orestes, e de Fanto Fantini della Gherardesca. Como tiñamos que visitar a sepultura de Leiras Pulpeiro, quedamos con Cunqueiro en que haberiamos voltar outro día para seguir co parrafeo, e prometeu contarnos cousas de xente de aquí e de acolá.

Para homenaxear A Leiras Pulpeiro nesta efeméride, xunteime con Richi Casás e Fernando Román. Desta volta, achegámonos á Casa Lourán, en As Restrebas no Val de Xestoso (Monfero, A Coruña) onde Anabel González recibiunos cunha aperta e un sorriso franco. A homenaxe a Manuel Leiras Pulpeiro atopou acobillo no ceador da Casa Lourán, e abordamos unha versión en acústico de “Pena da roca”, tocando eu a guitarra rítmica, Richi o saxo alto, e Fernando a gaita. Desfrutádea.

Para escoitala, premede no título enriba da foto.

O concello de Mondoñedo instaurou un certame literario, o “Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro”, que leva xa dez edicións. Anímate, escribe versos e proba sorte.

Para achegármonos en profundidade á obra de Leiras Pulpeiro, na bitácora de Miro Villar podemos ler Unha lectura da Poesía Galega Completa, de Manuel Leiras Pulpeiro.

Se queres ver máis efemérides relacionadas cos autores líricos do disco “Popsía Vol. I” pincha AQUÍ.