Aniversario de nacemento de Manuel María

Tal día coma hoxe, hai 92 anos, naceu Manuel María (Outeiro de Rei 6 de outubro de 1929, A Coruña 8 de setembro de 2004), poeta da Terra Chá, que alimentou coa súa verba largacía e fértil o meu disco “A voz do vento” en 2016, ano que lle adicaron o Día das Letras Galegas.

Para festexar esta efeméride como cómpre, achegueime co meu irmán Carlos ata a Casa Museo de Manuel María, sita en Outeiro de Rei, na natal casa de Hortas. Neste marabilloso espazo que alberga o conxunto do legado de Manuel María, recibiunos e guiounos Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, con sede na propia casa museo de Manuel María. Alberte, enciclopedia ambulante arredor do poeta da Terra Chá, explicounos alegre e acolledoramente cada peza que conforma a casa, e a relación íntima de cada unha con cada momento da vida de Manuel María e da súa inseparable compañeira Saleta.

Aproveitamos a visita para facer unha pequena gravación en video na que eu recito-canto o poema “Aínda teño a esperanza” porque, entre outras cousas, Carlos e máis eu temos tamén aínda a esperanza de percorrer unha por unha todas as parroquias de Galicia, lugares e casais. Abofé que seguimos a pegada marcada por Manuel María, levando música e poesía a canto lugar visitamos. A voz feminina da canción é a de Belén Tajes.

Fran Amil recita “Aínda teño a esperanza”. Para ver e escoitar o video, facede clic enriba da foto.

Segundo nos achegabamos á Terra Chá, veu a miña memoria o poema que Manuel María lle adicou a estas terras nun dos seus primeiros libros publicados, titulado precisamente “Terra Chá”:

TERRAS DA TERRA CHÁ

Terras onde nacín, gárdovos lei.
Paixón e soidade da Galiza:
¡Castro, Rábade, Outeiro de Rei,
Cospeito, Vilalba e Pastoriza…!

¡Terras miñas, boas e fermosas!
¡Terras amantes! ¡Terras de verdá!
¡Cos vosos ríos, agros e camposas
vós sodes a flor da Terra Chá!

Sempre coa vosa lembranza vivirei.
Saudade viva ardendo no meu peito.
¡Castro, Rábade, Outeiro de Rei,
Pastoriza, Vilalba e mais Cospeito!
Manuel María (1954). Terra Chá (Lugo: Editorial Celta)

Se queredes saber máis sobre a edición do libro “Terra Chá”, facerlle unha visita á páxina da wikipedia.

Manuel María recitaba a cotío, e moitos deses recitais ficaron gravados, afortunadamente. Aquí podemos escoitalo no seu poema “Ollei misiles con radar”, por xentileza da Fundación Manuel María de Estudos Galegos.

Manuel María recita “Ollei misiles con radar”

Déixovos unha gravación da canción “Forasteiro”, do disco “A voz do vento” (2016), que fixemos na VI Cita coa Historia en As Pontes no ano 2019, na que estiven ao fronte dunha extraordinaria banda co saxo tenor de Gueorgui Oganesian, Miguel Vázquez no saxo soprano, Ángeles Dorrio coa súa potente e cálida voz nos coros, Bernardo Pita na guitarra eléctrica, Miguel Paz batendo na batería e Antón Torroncho manexando o baixo.

Forasteiro

Para ver e escoitar o video, facede clic enriba da foto.

Xa está desta xeira, meus e miñas. Unha pequena homenaxe para un poeta moi grande. Se quedades con ganas de coñecer máis cousas sobre o poeta da Terra Chá, podedes facer unha visita á páxina da Casa Museo Manuel María. Ou, mellor aínda, organizar unha viaxe ata Outeiro de Rei e visitala en persoa. E, por suposto, ler a literatura de Manuel María.

Se queredes ver máis efemérides relacionadas co disco “A voz do vento” pinchade AQUÍ.