Aniversario de nacemento de Rosalía de Castro

Un 23 de febreiro de 1837 naceu na Casa da Parra do Camiño Novo (hoxendía Praza de Vigo), en Cornes, lugar de Conxo (Santiago de Compostela) unha meniña que habería trocar a historia da literatura galega como ningunha outra figura senlleira: Rosalía de Castro, bautizada como María Rosalía Rita o día 24 (día e razón pola que ata este mesmo ano de 2022 sempre se celebrou como o do nacemento da poeta).

Un acontecer propio dun argumento folletinesco, só o primeiro dos moitos que haberían de encher a biografía dunha figura inabarcable en todos os sentidos. Rosalía había ser tamén a primeira en moitos aspectos: escritora en galego, abandeirada feminista na ollada da súa creatividade, unha cultura europea insólita nun mundo tan pechado como o galego, primeiras incursións xornalísticas da man de Murguía… Unha alfaia que nos últimos tempos está a ser estudiada e recoñecida dende un prisma máis completo.

Para celebrar esta efémeride nun día como hoxe, achegámonos ata Padrón, á Casa Museo de Rosalía, na coñecida como Casa da Matanza, fogar de Rosalía e a súa familia con Manuel Murguía nos derradeiros anos da vida da poeta, para falar co seu presidente Anxo Angueira acerca deste cambio de día na celebración do nacemento de Rosalía de Castro, froito da investigación que levou a cabo Sagrario Abelleira.

Unha vez tiven un cravo
cravado no corazón,
i eu non me acordo xa se era aquel cravo
de ouro, de ferro ou de amor.
Soio sei que me fixo un mal tan fondo,
que tanto me atormentou,
que eu día e noite sin cesar choraba
cal chorou Madanela na pasión.
“Señor, que todo o podedes
-pedínlle unha vez a Dios-
daime valor para arrincar dun golpe
cravo de tal condición”.
E doumo Dios, arrinqueino,
mais…¿quen pensara…? Despois
xa non sentin máis tormentos
nin soupen que era delor;
soupen só que non sei que me faltaba
en donde o cravo faltou,
e seica, seica tiven soidades
daquela pena…¡Bon Dios!
Este barro mortal que envolve o esprito
¡quen o entenderá, Señor…!

A canción “Negra sombra” é abondo coñecida a través da composición musical de Juan Montes (Lugo, 13 de abril de 1840 – 24 de xuño de 1899), con centos de gravacións, algunhas de inmenso calado no público, mesmo fóra de Galicia. Cando Carlos máis eu decidimos incluír o poema de Rosalía de Castro no noso disco “Popsía Vol. I”, tivemos claro que non queriamos facer unha versión máis coa música de Montes, polo que tomamos a decisión de abrir unha vía nova a partires dunha composición propia, e axiña coincidimos ámbolos nun toque de negritude no ritmo, axeitado a unha letra metafísica. Na onda do disco, buscamos o xeito de fusionar un ritmo funky coa tradición da música galega. Agardamos que a escoita do tema resulte do voso agrado. Contamos ademais con extraordinarios músicos: Paco Cerdeira na guitarra, Ruchi de Baio no baixo eléctrico, Gueorgui Oganesian no saxo tenor, María Quiroga na trompeta, Mandela no trombón, Marta Oro Amón no violín, Miguel Vázquez na gaita, e un trío insuperable nas voces femininas: Ángeles Dorrio, Carmen Rey e Sara Vázquez.

  1. NEGRA SOMBRA Fran Amil 3:26

Embed

Copy and paste this code to your site to embed.

Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.

Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila
i eres o vento que zoa.

Si cantan, es ti que cantas,
si choran, es ti que choras,
i es o marmurio do río
i es a noite i es a aurora.

En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.

Aquí vos deixo a versión en acústico gravada diante da Casa da Matanza. Teño para min que algo do espírito rosaliano se me puido pegar en tal paraxe singular.

Para escoitar a canción, premede no título enriba da foto

Estas fotos fixémolas en Bertamiráns, no concello de Ames (A Coruña). Ollade que fabuloso mural titulado “As Rosalías”, realizado polo artista Yoseba Muruzábal na Casa da Cultura do Milladoiro.

Aquí podemos atopar un interesante estudio de Lois Rodríguez sobre a icónica imaxe de Rosalía: “O deseño de Portela que mudou a imaxe de Galicia”. Imaxe que hoxe atopamos en camisetas, cadernos, portadas de discos, vasos, pratos, selos, murais, estatuas (como a da Ferradura en Santiago) e todo tipo de deseños e debuxos, mesmo forneceu a imaxe de vellos billetes de 500 pesetas que pasaba de man en man por toda España, ou guía a cola dun avión da norueguesa compañía Norwegian.

Se seguides este link chegaredes a un moi interesante estudio sobre “Textos poéticos inéditos de Rosalía de Castro”, asinado por Henrique Monteagudo e Chus Lama.

A Real Academia Galega vén de subir ao Arquivo Dixital de Galicia, o día 23 de febreiro de 2024, catro cantares populares manuscritos por Rosalía de Castro, escritos en Lestrobe.

Manuscrito autógrafo de Rosalía en galego conservado na Real Academia Galega

Non esquezades facer unha visita á Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón, pero mentres non o fagades en persoa, podedes achegarvos virtualmente. Unha visita obrigada.

Se queres ver máis efemérides relacionadas cos autores líricos do disco “Popsía Vol. I” pincha AQUÍ.