
O lugar de Vilariño, en Os Vilares de Guitiriz (Lugo), deu a benvida a un novo habitante o 19 de febreiro de 1914. Había chegar a un mundo convulso e a piques de estourar nun conflito mundial que se chamaría a Gran Guerra, hoxendía máis coñecida como a Primeira Guerra Mundial. Pero naquelas alturas e naquelas paraxes guitiricenses a vida espreguizábase a modo, marcando a pauta a natureza e as labouras dos labregos.
Neste artigo de Armando Requeixo temos unha reseña cariñosa sobre a casa onde naceu o poeta.
Autor dun único poemario, “Nimbos”, publicado en 1961, Díaz Castro adoita ser engadido á xeración de 1936 canda Ricardo Carvalho Calero, Celso Emilio Ferreiro e Aquilino Iglesia Alvariño. Pero o propio Armando Requeixo publica en “Madrygal, Revista de estudios gallegos” un artigo que recolle a obra previa, ciscada por revistas, xogos florais ou antoloxías. Aquí vos deixamos o enlace, por se estades interesados en profundar na obra de Díaz Castro.

A canción “Coma brasas” prendeu en nós, e por iso portamos o facho coa curiosidade e inquedanza adolescentes para mergullarmos nun berro rockeiro que axude a dar rostro a ese drama cheo das cousas. Apoiado na guitarra eléctrica de Paco Cerdeira, no baixo de Antón Torroncho, no saxo tenor de Ricardo “Richi” Casás, na gaita de Fernando Román e nos teclados de Álex Salgueiro, eu mesmo toco a batería e canto, coreado polas marabillosas voces de Ángeles Dorrio e Carmen Rey. Unha banda de luxo, abeirada para a ocasión nos estudios Abrigueiro de Arturo Vaquero, en Friol, con produción musical de Carlos Amil. “Coma brasas” aparece como segundo tema do meu disco “Popsía Vol. I”.
- COMA BRASAS Fran Amil 4:31
Poeta ou non, eu cantarei as cousas | |
que na soleira de min mesmo agardan. | |
Alumarei con fachas de palabras, | |
ancho herdo meu, o mundo que me deron. | |
Eí están, coma brasas contra a noite, | |
as vellas cousas, cheas de destinos. | |
Ollos que piden, de famentos nenos. | |
Ollos que esperan, dunha adolescente. | |
Coma brasas. (x2) | |
Coma brasas. (x2) | |
¡Galiza en min, meu Deus; pan que me deron | |
leite e centeo e soño e lus de aurora! | |
Longa rúa de mar, fogar da terra, | |
e esta crus que nos mide de alto a baixo. | |
Coma brasas. (x2) | |
Con este alento, eu lle darei ás cousas | |
o drama cheo que lles nega a vida: | |
dareilles rostros, pra que se coñezan, | |
palabras lles darei pra que se entendan… | |
Coma brasas. (x2) |
Para homenaxear a Díaz Castro, deixo aquí a versión de “Coma brasas” que interpretamos en formato trío Alberto Romero na guitarra eléctrica, Fernando Román no saxo soprano e eu mesmo na guitarra acústica. A gravación da imaxe fíxoa Carlos Amil, e na mesa de son estivo Miguel Otero. Pertence a un concerto que fixemos no Auditorio Municipal de Valdoviño o 11 de marzo de 2022. Desfrutádea.
Para escoitala, premede no título enriba da foto
Para saber máis sobre o poeta guitiricense, podedes visitar a wikipedia.
Tamén é interesante este artigo de Germán Castro.