Aniversario Impresión de “Sonetos á casa de Hortas”

O 28 de febreiro de 1997 edítase o libro de poemas de Manuel María “Sonetos á casa de Hortas” na Editorial Espiral Maior, creada en 1991 polo tamén poeta Miguel Anxo Fernán-Vello.

Como o seu título indica, “Sonetos á casa de Hortas” recolle poemas adicados á casa natalicia de Manuel María.

Aquí temos un breve artigo do blog “Revolta da freixa” falando do libro.

No meu disco libro “A voz do vento”, editado no ano 2016 por A Mesa Pola Normalización Lingüística, incluín un poema do libro “Sonetos á casa de Hortas”, titulado “Agora que gastei os meus outonos”. Arrodeeime de músicos tan talentosos como Paco Cerdeira na guitarra eléctrica, Álex Bardanca no baixo eléctrico, eu na voz solista e na batería, e coa colaboración especial do meu amigo Xurxo Souto cantando comigo este fermoso tema. Da produción e mestura fixémonos cargo Paco Cerdeira e eu mesmo, e foi gravado en Estudios Amil.

  1. Agora que gastei os meus outo Fran Amil e a tribo incompren 3:27

Embed

Copy and paste this code to your site to embed.

Agora, que gastei os meus outonos
e ben entrado xa no propio inverno,
acredito no fugaz e no eterno
e só me asusta o raio, non os tronos.
Un, dende fai moitos anos, comprendeu
que todo é asegún e relativo
e ninguén é tan bo nen tan cativo,
nen podemos prescindir do propio eu.
Gardo dentro de min toda a fragancia
dos amados rincós da miña infancia
e os recendos que tiña a vella casa.
Foi chama o meu amor. Agora é brasa.
Saleta sempre. Perdón pola arrogancia:
“A luz é poderosa. A tebra, escasa.”

Deixamos un enlace a Youtube onde poderemos ver un video elaborado por Roi Seoane e Marcos Abal, de Educación Plástica Visual e Audiovisual, do IES As Barxas de Moaña. Neste video temos a voz de Manuel María recitando un dos sonetos do libro.

Non esquezades facer unha visita á páxina da Casa Museo Manuel María para coñecer máis cousas sobre o poeta da Terra Chá, . Ou, mellor aínda, organizar unha viaxe ata Outeiro de Rei e visitala en persoa. E, por suposto, ler a literatura de Manuel María.