Aniversario Impresión de “Terra Chá”

O 17 de maio de 1954 edítase un dos libros de poemas fundamentais de Manuel María: “Terra Chá” na Editorial Celta (Lugo), con limiar de Ánxel Fole. Esta editorial tivo un papel de referente pola difusión da cultura galega durante o franquismo. A súa primeira publicación en galego foi, precisamente, un outro libro de Manuel María no ano 1952, titulado “Contos en cuarto crecente e outras prosas”.

“Terra Chá” pode que sexa o libro de Manuel María máis coñecido e espallado de toda a súa obra. Podemos acceder á wikipedia para ver un artigo sobre este poemario do poeta chairego.

O dato curioso é que aínda que coincida a publicación co Día das Letras Galegas, tedes que ter en conta que daquela non existía tal evento. Lembrade que este día se celebra dende o ano 1963, ou sexa nove anos máis tarde da publicación de “Terra Chá”. Outro dato para os despistados: a data coincide co centenario da publicación doutro libro de poemas trascendental na literatura galega (na literatura de calquera país): “Cantares gallegos” de Rosalía de Castro.

No meu disco libro “A voz do vento”, editado no ano 2016 por A Mesa Pola Normalización Lingüística, incluín un poema do libro “Terra Chá”, titulado “Poceiras”. Ademais de contar con músicos de inmenso talento como Paco Cerdeira na guitarra eléctrica, Álex Bardanca no baixo eléctrico, ou Aarón Bouzón no EWI 4000, tiven a honra de ter a MJ Pérez cantando conmigo. Por certo, e coma sempre, eu mesmo fíxenme cargo da batería. Da produción e mestura fixémonos cargo Paco Cerdeira e eu mesmo, e foi gravado en Estudios Amil.

  1. Poceiras Fran Amil e a tribo incompren 2:07

Embed

Copy and paste this code to your site to embed.

¡Brilan ao sol as poceiras!
¡Xa pouco máis brilarán!
Hainas de cen mil maneiras
e están tiradas no chan.
A choiva fíxoas nacer
sobre o monte ou no camiño.
E fainas o sol morrer
despaciño, despaciño…
¡Poceiras! (x2)
E na terra están tiradas.
¡Viven nun barrizal!
¡E son por todos tripadas
e a ninguén fixeron mal!
¡Poceiras! (x3)

Non podía faltar a nosa versión alternativa de “Poceiras”. Desta volta, unha versión en acústico gravada exprofeso para esta ocasión. Desfrutádea.

Para ver e escoitar o video, premede enriba da foto.

Non deixedes da facer unha visita á páxina da Casa Museo Manuel María para coñecer máis cousas sobre o poeta da Terra Chá. Ou, mellor aínda, organizar unha viaxe ata Outeiro de Rei e visitala en persoa. E, por suposto, ler a literatura de Manuel María.

Nesta mesma páxina da Casa Museo buscade un interesante recurso para os mestres de educación primaria: unidades didácticas que nos achegan á figura do gran poeta.

Se queredes ver máis efemérides relacionadas co disco “A voz do vento” pinchade AQUÍ.