Arrancamos coas letras de “A voz do vento”

Completadas as letras en galego, castelán e inglés do disco “Popsía Vol. I”, comezamos coas letras do disco “A voz do vento”.

Este disco está adicado por completo a cancións derivadas dos poemas de Manuel María, nunha encarga de A Mesa Pola Normalización Lingüística para achegar ao poeta da Terra Cha á xuventude.

O disco foi publicado en febreiro do ano 2016, coincidindo coa dedicatoria do Día das Letras Galegas a Manuel María nese mesmo ano.

Cunha fermosa portada debuxada polo artista coruñés Jano, e unha ilustración de cada canción tamén da man de Jano, o disco contou co apoio de músicos tan salientabeis como Paco Cerdeira na guitarra eléctrica, Álex Bardanca no baixo, Aarón Bouzón no EWI 4000 e teclados e Ricardo “Richi” Casás nos ventos (saxos alto, tenor e soprano, trompeta e clarinete baixo). A produción musical e as mesturas foron miñas e de Paco Cerdeira, a masterización de Chou, e a dirección musical foi tamén miña. Gravouse nos Estudios Amil, e contou con recoñecidas voces da canción galega cantando acanda min, como Jasper en “Hai que dicir sempre non”, Paula Romero en “”Non temos escolas en galego”, Antón Díaz en “Alleado”, Xurxo Souto en “Agora que gastei os meus outonos”, Belém Tajes en “Aínda teño a esperanza”, O Leo en “Forasteiro” e en “A nosa historia”, M.J. Pérez en “Poceiras”, e Xosé Antón Bocixa en “Nós somos como o aceiro”.

Foi para min unha ledicia poder xuntar tanto talento galego, e creo que a ocasión pagou a pena.

Lembrade, se queredes ver as letras do meu disco “A voz do vento”, pinchade AQUÍ.