Voda de Rosalía de Castro e Manuel Murguía

O 10 de octubre de 1858, Rosalía de Castro casou con Manuel Martínez Murguía na igrexa parroquial de San Ildefonso, sita na confluencia da Corredera Baja coa Alta, unha rúa estreita paralela á máis concurrida de Fuencarral. Esta última era, en tempos de Rosalía, a principal saída de Madrid cara Francia. Rosalía vivíu ata casar na rúa da Ballesta, número 13, 4 baixo.

Dado que Rosalía de Castro tiña 21 anos cando casou, precisou da autorización da súa nai, Teresa de Castro, pois naquela altura as mulleres só acadaban a maioría de idade ao cumplir os 25 anos, agás en Aragón, que a acadaban aos 20 anos.

Na páxina AlfayOmega podemos atopar o expediente matrimonial de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, que sacou á luz a Arquidiocese de Madrid, grazas ao traballo da documentalista e filóloga Sagrario Abelleira, e da arquiveira Irene Galindo.

“En la M. H. villa de Madrid, en diez de octubre de mil ochocientos cincuenta y ocho. Yo, Doctor Lozano Prieto, Teniente cura de esta Parroquia de San Ildefonso, previo despacho del Sr. Doctor Manuel de Obeso, Vicario Eco., refrendado a primero de los corrientes por el Notario Don Pedro Vicente Obejero: desposé y velé in facie Eclesiae a Don Juan Manuel Martínez Murguía, soltero, de veinticinco años de edad, natural de Frogel, Diócesis de Santiago, hijo de Don Juan y Doña Concepción Murguía; con María Rosalía Rita de Castro, soltera, de veintiún años de edad, natural de la ciudad de Santiago, feligresa de esta Parroquia por vivir en la calle de la Ballesta, número 13, cuarto bajo, hija natural de Doña Teresa de Castro; habiendo precedido todos los requisitos necesarios para la validez y legitimidad de este contrato sacramental. Fueron padrinos testigos Don Cándido Luanco y Don Manuel Menéndez. Y lo firmo, L. Prieto.”

Rosalía casou preñada de dous meses de Alejandra, que naceu o 12 de maio de 1859. Pero o casorio non foi apresurado nin obrigado por esa circunstancia, pois a decisión foi tomada entre marzo e abril de 1858, porque nestas datas lle solicitaron a Teresa de Castro, a nai de Rosalía, un certificado de residencia en Padrón, con toda seguridade necesario para facer o expediente de matrimonio no xulgado de Madrid.

Poida que Rosalía e Murguía xa se coñecesen previamente en Santiago de Compostela, pois ámbolos frecuentaban ambientes literarios, e que se volvesen atopar en Madrid no tempo en que Rosalía foi vivir na casa de María Josefa García-Lugín y Castro, pariente da nai de Rosalía e nai de Alejandro Pérez Lugín, o autor da novela “La casa de la Troya”, quen non nacería ata 1870.

Fran Amil pousa diante da escultura feita en granito, en 1917, polo arquitecto Isidro de Benito e o escultor Francisco Clivilles

Non sabemos de certo por que Rosalía foi vivir a Madrid. Hai moitas especulacións: segundo algunhas fontes, para fuxir das represalias do “Banquete de Conxo”, farto discutible porque non está confirmada a súa presenza no evento. Segundo o propio Murguía “llevando un poder de su madre emprendió viaje a Madrid. Iba a gestionar la devolución, por el Estado, de los bienes que éste las había desposeído injustamente.” A esta versión do marido de Rosalía, contrapón Xosé Ramón Barreiro Fernández, na súa monumental biografía “Murguía”, editada por Galaxia en 2012: “Estamos ante unha versión claramente manipulada por Murguía e sen fundamento ningún, que pretendía desta maneira facer crer que a mala situación económica da familia Castro e da propia Rosalía procedía dunha malversación de fondos de don Tomás García Lugín”, di na páxina 196 da biografía citada. Outras versións apuntan a que Rosalía viaxou a Madrid na procura de traballo, colaborar nalgunha revista, e mesmo a calibrar a posibilidade de converterse en actriz, ou, como o propio Barreiro apunta na páxina 199 da biografía de Murguía: “…viaxase seguindo a estela de Murguía. Así tamén o recoñece García Martí: “Se desprende de todo lo que llevamos dicho que el objeto principal era el acercarse a Murguía”.

Dormitorio de Rosalía en A Matanza, Padrón

Un dos apuntamentos de Barreiro é que Manuel Murguía, quen fixo unha crítica moi positiva do primeiro libro de poemas de Rosalía, titulado “La flor”, crítica publicada no xornal “La Iberia” en 1957, xa tiña coñecemento previo de Rosalía, por máis que o escritor e xornalista citase nun par de ocasións na crítica laudatoria que non coñecía á autora dos versos. Unha estratexia deseñada para dar a coñecer á nova escritora nos círculos intelectuais de Madrid, e de Galicia, pois tamén aparecería unha nota favorecedora no xornal El Iris de Galicia da Coruña, o 13 de maio de 1957, apunte que lle collemos prestado unha volta máis a Barreiro.

Antes de casar, Rosalía e Murguía participaron activamente da vida intelectual madrileña, e xa casados tamén da galega. A parella foi pioneira no mundo cultural español por tentar vivir da literatura e dos escritos, publicando libros e, sobre todo, artigos en revistas e xornais, chegando a vivir unha temporada nunha imprenta en Vigo. Unha parella absolutamente abraiante e única naquela época, rachando todos os esquemas e ideas preconcebidas, cunha proxeción inédita e unha altura intelectual sen parangón.

Seguimos citando a Barreiro e a súa monumental biografía sobre Murguía, e na páxina 205 podemos ler a seguinte brincadeira: “En páxinas anteriores fixemos referencia á reacción de Aurelio Aguirre, molesto porque o amigo Murguía non lle comunicara que ía casar con Rosalía, aínda que remataba a carta pedíndolle que o primeiro fillo que tivesen, levase o seu nome. Descoñecía Aurelio que esa promesa xa lla fixera a Chao, e por iso á primeira filla lle puxeron o nome de Alejandra.”

Fran Amil pousa en Bertamiráns, diante dun fragmento do mural titulado “As Rosalías”, realizado polo artista Yoseba Muruzábal na Casa da Cultura do Milladoiro

Un interesante artigo no que Marina Mayoral fai un suxestivo percorrido pola vida de Rosalía, é este que podemos atopar na páxina Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.

O poema “Negra sombra” ten un forte elo co músico lucense Juan Montes (Lugo, 13 de abril de 1840 – 24 de xuño de 1899), quen estreou no ano 1892 no Gran Teatro da cidade de La Habana, en Cuba, a súa versión musical, esa que se converteu axiña na canción galega por excelencia, con centos de gravacións, algunhas de inmenso calado no público, mesmo fóra de Galicia, como a versión de Luz Casal e Carlos Núñez que forma parte da banda sonora orixinal da película “Mar adentro”, dirixida por Alejandro Amenábar. Hoxendía, “Negra sombra” é tamén un canto funerario, que se interpreta nos veloiros e nos enterros. Hai uns días, no campo de fútbol de Riazor, nun partido Deportivo-Celta Fortuna, en homenaxe ao socio número 5 do equipo coruñés, recén falecido, soou unha versión musical do poema na súa honra.

Cando Carlos máis eu decidimos incluír o poema de Rosalía de Castro no noso disco “Popsía Vol. I”, tivemos claro que queriamos abrir unha vía nova a partires dunha composición propia, e axiña coincidimos ámbolos nun toque de negritude no ritmo, axeitado a unha letra metafísica. Na onda do disco, buscamos o xeito de fusionar un ritmo funky coa tradición da música galega. Agardamos que a escoita do tema resulte do voso agrado. Contamos ademais con extraordinarios músicos: Paco Cerdeira na guitarra eléctrica, Ruchi de Baio no baixo eléctrico, Gueorgui Oganesian no saxo tenor, María Quiroga na trompeta, Mandela no trombón, Marta Oro Amón no violín, Miguel Vázquez na gaita, e un trío insuperable nas voces femininas: Ángeles Dorrio, Carmen Rey e Sara Vázquez. Eu fágome cargo da voz solista e da batería.

  1. NEGRA SOMBRA Fran Amil 3:26

Embed

Copy and paste this code to your site to embed.

Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.

Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila
i eres o vento que zoa.

Si cantan, es ti que cantas,
si choran, es ti que choras,
i es o marmurio do río
i es a noite i es a aurora.

En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.

Lembrade que “Negra sombra” pertence ao libro “Follas novas”, que tivo a súa primeira edición en 1880 na cidade de La Habana (Cuba), da man da editorial La Propaganda Literaria, propiedade de Alejandro Chao, gran amigo de Manuel Murguía, e irmán de Eduardo Chao, gran protector de Murguía e da propia Rosalía.

Non esquezades facer unha visita á Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón, pero mentres non o fagades en persoa, podedes achegarvos virtualmente. Unha visita obrigada.