Cabodano de Antón Tovar

Alá van 18 anos do pasamento de Antón Tovar, unha das voces líricas máis salientabeis da poesía galega do século XX. Nado en Pereira, Rairiz de Veiga (Ourense), o día 26 de outubro de 1921, escolleu o 16 de xuño de 2004 para dar remate ao seu paso por esta vida. Elixiu a cidade de Ourense como meta final do seu camiño, quizais porque nesta cidade pasou a meirande parte da súa vida. Nesta páxina do Consello da Cultura Galega fan unha interesante semblanza arredor do noso poeta.

Así recoñece Antón Tovar as influenzas na súa poesía: “Rosalía, Curros, Rubén, Antonio Machado, Baudelaire, Francis Jammes, Blas de Otero, Teixeira de Pascoaes, Pessoa, Antero de Quental, Torga, e, sobre todo, Antón Tovar, son os autores que inflúen na obra de Antón Tovar.” (Tirado da páxina 36 do libro “Diario íntimo dun vello revoltado”).

E segue no mesmo libro, no seguinte parágrafo da mesma páxina: ”Principalmente inflúe a dor e os gozos que viviu unha persoa tan importante como Antón Tovar. Tan importante, tan importante, que non existe. E non obstante, cando sufro, cando gozo, parece que sufro e gozo eu. Misterio.”

Antón Tovar escribiu esta mención ao San Martiño na súa obra “Diario íntimo dun vello revoltado”, publicado pola editorial Galaxia: “O Montealegre vese desde o cuarto no que escribo. É un monte bravo de piñeiros e penedos. Debaixo do monte está o vello camposanto. Ó Montealegre iamos de rapaces e mozos no San Martiño a facer o magosto. Agora pasou para min o tempo dos magostos. Nun penedo do Montealegre érguese unha cruz. Enriba do penedo descansa sempre un enigmático morto.”

O poema “San Martiño” apareceu no libro “Arredores”, publicado no ano 1962 na Colección Salnés da Editorial Galaxia. Chamounos a atención o feito de que a un poeta tan fondamente preocupado e anguriado pola condición humana se lle ocorrese conxugar a retranca coa arela de vivir humanamente (case ousaría dicir tan galegamente) ao santo. Este xogo inspiroume esta peza de aroma funky, no que tiven a fortuna de traballar con algúns dos músicos máis grandes deste país. Manuel Payno na trompeta, Ricardo “Richi” Casás no saxo tenor, Antón Torroncho no baixo, Paco Cerdeira chispeando na guitarra eléctrica e Fernando Román na gaita levan a canción a niveis siderais e paixonais. Sumar as gorxas privilexiadas de Carmen Rey e Ángeles Dorrio, e todo bule cara a estratosfera. Eu só pasaba por alí e eles enredáronme.

  1. San Martino Fran Amil 3:42

Embed

Copy and paste this code to your site to embed.

¡Ai!, San Martiño, San Martiño (x2)
-¡Ai!
Na festa dos magostos
do San Martiño,
cando a castaña estoura
e canta o viño,
baixou do monte bébedo.
O santo ven a Ourense,
de vagariño,
para alcender a alegría
como un meniño.
Con meia capa ó lombo,
anda nas roldas de padriño.
Anda collendo a leña,
soprando lumes no camiño
de Montealegre
a Ceboliño.
-¡Ai!, San Martiño
-¡Ai!, San Martiño,
que anduvo na borralla
i emporcou o fuciño-. (x3)
Ai!, San Martiño. Ai!, San Martiño. (x2)
Ai!, San Martiño, que anda a bicar ás mozas coma un homiño;
Ai!, San Martiño, que ten unha noiva no Ribeiriño;
Ai!, San Martiño, que se deitou con ella;
Ai!, San Martiño.
-¡Ai!, San Martiño
-¡Ai!, San Martiño,
que anduvo na borralla
i emporcou o fuciño-. (x4)

Para homenaxear a Antón Tovar, deixo aquí a versión de “San Martiño” que interpretamos en formato trío Alberto Romero na guitarra eléctrica, Fernando Román no saxo soprano e eu mesmo na batería eléctrica. A gravación da imaxe fíxoa Carlos Amil, e na mesa de son estivo Miguel Otero. Pertence a un concerto que fixemos no Auditorio Municipal de Valdoviño o 11 de marzo de 2022. Desfrutádea.

Para escoitala, premede no título enriba da foto

Se queres ver máis efemérides relacionadas cos autores líricos do disco “Popsía Vol. I” pincha AQUÍ.