
Tal día coma hoxe, hai 30 anos, morreu Avilés de Taramancos (Boa, Noia 6 de abril de 1935, A Coruña 23 de marzo de 1992). Poeta precoz (publicou o seu primeiro poema aos quince anos, na revista noiesa Tapal), emigrante e aventureiro (estivo un tempo na selva amazónica), converteuse no poeta taberneiro ao volver a Galicia na década dos 80 do pasado século. Unha volta carregada de iniciativas culturais (recitais poéticos na súa taberna Tasca Típica, sociedades culturais como Catavento, presidir a Asociación de Escritores en Lingua Galega, etc.) na que aínda tivo tempo de ocuparse da política cultural como concelleiro de cultura de Noia uns anos antes de morrer,e, sobre todo, de escribir e publicar arreo.
A natureza, o amor, o erotismo, e un profundo coñecemento da vida e dos homes, conforman a substancia dunha escrita que comezou en galego porque, como el mesmo ten dito, non coñecía os nomes dos paxaros, das árbores nin das cousas noutra língua que a propia. Cando xa aprendeu outras linguas, Avilés foi quen de integralas no galego, como neste fermoso poema publicado en “Cantos caucanos”.
Ter unha casa en Chachauí sobre do cume | |
do Cúndur-Cúndur que os incas bautizaron | |
polas grandes aves míticas. Ter unha casa en Chachauí | |
e ver no fondo do precipicio o Putumaio | |
brincar como un regueiro pequeniño. | |
Ter unha casa en Chachauí | |
e escoitar á noitiña o zunido dos vagalumes, | |
dos cocuios, o canto do turpial | |
e o miar estremecedor do puma negro. | |
Ter unha casa en Chachauí, | |
esquecerse do tempo, estar ao pé dun deus antigo | |
amigo do sol. | |
Ter unha casa en Chachauí. | |
Abaixo, no camiño de Ipiales, na estrada do Ecuador, | |
brillan as flores ventureiras. | |
Pero as estrelas son máis grandes. | |
Ter unha casa en Chachauí. | |
Avilés de Taramancos (Cantos caucanos, 1985, Santiago de Compostela, Edicións Sotelo Blanco)

“Dásme a vida”, extraído do poemario “As torres no ar” publicado en 1989, mestura maxistralmente un toque de erotismo furtivo coa desesperanza derivada dunha relación adúltera. Xa tiña gana de cantar unha canción de amor, e Avilés agasállanos con esta fermosa, furtiva e fuxitiva arela.
- DASME A VIDA Fran Amil 4:35
Chamo á porta do amor na noite escura | |
e está o teu corazón coa luz prendida. | |
A túa man socórreme a ferida | |
e cúrame o teu labio a desventura. | |
Dasme a vida e dasme a sepultura | |
E dasme a vida e dasme a sepultura | |
A auga que me dás tan fresca e pura | |
é da fonte limpísima da vida: | |
mel da túa roseira florescida | |
entre as coxas, as sedas, a espesura… | |
Dasme a vida e dasme a sepultura | |
E dasme a vida e dasme a sepultura | |
Pois xa por sempre irei de ti cautivo | |
pois dasme a vida e dasme a sepultura | |
dun amor imposíbel e furtivo. | |
Pois dasme a vida e dasme a sepultura | |
E dasme a vida e dasme a sepultura | |
Como me doe a túa fermosura | |
da que devezo e ando fuxitivo | |
pois sei que o mal que teño non ten cura! | |
Pois dasme a vida e dasme a sepultura | |
E dasme a vida e dasme a sepultura. | |
Para homenaxear ao poeta taberneiro, deixo aquí a versión de “Dásme a vida” que interpretamos en formato trío Alberto Romero na guitarra eléctrica, Fernando Román no saxo soprano, e eu mesmo na guitarra acústica. A gravación da imaxe fíxoa Carlos Amil, e na mesa de son estivo Miguel Otero. Pertence a un concerto que fixemos no Auditorio Municipal de Valdoviño o 11 de marzo deste mesmo ano. Desfrutádea.
Para escoitar a canción, premede no título enriba da foto
Se quedades con ganas de coñecer máis cousas sobre o poeta taberneiro, podedes facer unha visita a estas páxinas:
En Galicia Única, en castelán.
Na páxina da Real Academia Galega.
No blog “Brújulas y espirales“, de Francisco Martínez Bouzas, en castelán.
Se queres ver máis efemérides relacionadas cos autores líricos do disco “Popsía Vol. I” pincha AQUÍ.