Cabodano de Celso Emilio Ferreiro

Hoxe, 30 de agosto de 2021, cúmprense 42 anos desde que Celso Emilio Ferreiro abandonou a terra, para instalarse na memoria colectiva como bardo senlleiro da lírica galega.

O título do seu libro de poemas “Longa noite de pedra”, editado no ano 1962 na editorial Galaxia, é empregado por moita xente para adxectivar a longa etapa franquista no goberno de España.

O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.

Celso Emilio Ferreiro foi un poeta comprometido coa súa terra, e co tempo convulso que lle cadrou vivir. É, probablemente, un dos poetas que máis e mellor alimentan o menú musical de textos que cantaautores e músicos atopan idóneos para versionar, pois a innegable riqueza rítmica da súa poesía demanda a cotío que as dedas dos músicos esvaren polas cordas, teclas e ventos dos seus instrumentos, na procura de melodías enchoupadas de autenticidade, como esta “Mentres canto” que ofrecemos do seu poema “Spiritual”, extraído do libro “Longa noite de pedra”, e que forma parte do repertorio do meu último disco “Popsía Vol. I”.

  1. MENTRES CANTO Fran Amil 4:00

Embed

Copy and paste this code to your site to embed.

Cicáis mañá
cando a miña mirada
non abrolle na luz
como cativa mapoula de auga,
veña a soedade.

Pero hoxe canto en libertá
e mentras canto
non estóu isolado,
que o corazón vai comigo
e con il falo.

Beberéi a paisaxe
nun amencer de lirios.
As campanas do mar
nos ventos fuxidíos.

Cada intre un paxaro,
cada pulso un latexo.
Unha espada de chuvia
cortando a frol do vento.

Nin as olladas torvas,
nin os beizos esquivos,
nin as voces nemigas
nin os homes cativos.

Viviréi coma o lume
alcendido na noite.
Teréi cumios de estrelas,
cantaréi para os homes.

Estóu comigo mesmo.
O corazón é quen manda,
i eu obedezo.

Eu, como Celso Emilio Ferreiro, mentres canto o corazón vai comigo e con il falo, e todo canto hai no mundo é unha nota que me irmanda con tódolos homes e mulleres que me prestan os seus ouvidos. Déixovos a versión en acústico de “Mentres canto“, gravada o mesmo día do 42 cabodano do poeta (Celanova 4 de xaneiro de 1912, Vigo 30 de agosto de 1979).

Para saber máis sobre o poeta podedes botar un ollo á páxina web da Fundación Celso Emilio Ferreiro.