Cabodano de Manuel Leiras Pulpeiro

Hai xa 109 anos que morreu Manuel Leiras Pulpeiro (Mondoñedo 25 de outubro de 1854, 9 de novembro de 1912), escritor pertencente ao Rexurdimento.

Leiras Pulpeiro colleitou unha chea de refráns, adiviñas, cantares e outras herbas da cultura popular, que entre outras cousas habían de proporcionarlle a estrutura do único libro que publicou en vida: “Cantares gallegos”.

Con me casar como quixen,
E tel-o ceio n-a casa,
N’hay noite que non me acorde
D’as noites de muiñada.

“Cantares gallegos” está composto por poemas curtos, en estrofas de catro versos, a xeito popular e costumista, que recolle cantigas de forte contido patriótico, sátira anticlerical e no que canta a Mondoñedo e as súas terras, onde exerceu de médico.

“Pena da roca” é unha canción que compuxen xuntando algunhas estrofas soltas do libro “Cantares gallegos”, publicado en 1911. Tentei darlle a eses versos ceibes unha continuidade para convertelos nunha unidade expresiva, e mal non debeu saír porque é un dos temas preferidos para moita xente entre os que integran o meu disco “Popsía Vol. I”.

  1. PENA DA ROCA Fran Amil 3:38

Embed

Copy and paste this code to your site to embed.

Dan cen voltas as formigas
para dar co mel na colmea;
pero dou máis eu buscando
o da boquiña das nenas.

¡Ai, quen me dera no souto
que hai xunto da miña casa!
¡Ai, quen me dera coas nenas
con quenes hai pouco brincaba!

Tal a miña pena era,
e tanto e tanto chorei
que a mesma pena da roca
co pranto meu abrandei.

Quedéime como o ramallo
que deixan soio na fraga;
non teño quen me agarime
do sol do vento e da iauga.

Para a ocasión, achegueime a Mondoñedo o domingo 17 de outubro deste ano 2021, ata a campa de Leiras Pulpeiro no cemiterio civil, ao acto homenaxe co motivo do Centenario da inauguración do mausoleo a Leiras Pulpeiro, promovido pola Sociedade”Mondoñedo e distritos” de Bós Aires. Alí convidoume o grupo literario “Leiras Pulpeiro” a cantar “Pena da roca”. A presentación do acto correu a cargo de Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo e autor dunha importante obra narrativa infantil e xuvenil, ademais de numerosos ensaios de mitoloxía popular.

Para escoitala, premede enriba do título na foto.

José Luís Fernández Ansede, membro do grupo literario “Leiras Pulpeiro” e auténtico dinamizador cultural de Mondoñedo, guiounos ao longo do noso percorrido pola vila e contounos infinidade de anécdotas sobre Leiras Pulpeiro, Álvaro Cunqueiro e outros personaxes destacados da cultura mindoniense. Moitas grazas, José Luís, pola túa cálida acollida.

Fran Amil e José Luís Fernández Ansedes, do grupo literario “Leiras Pulpeiro”

Se queres ver máis efemérides relacionadas cos autores líricos do disco “Popsía Vol. I” pincha AQUÍ.