
Tal día coma hoxe, hai 17 anos, morreu Manuel María (Outeiro de Rei 6 de outubro de 1929, A Coruña 8 de setembro de 2004), poeta da Terra Chá, ao que lle tributei o disco “A voz do vento” en 2016, ano que lle adicaron o Día das Letras Galegas.
Polifacético, ademáis de mestre e procurador, Manuel María foi editor (edicións Xistral), político, autor teatral, poeta e narrador, sendo tamén un dos primeiros en publicar en galego para as crianzas co libro de poemas infantís “Os soños da gaiola”.
Poeta da terra, combativo, necesario e de forte compromiso político a prol do galego e de Galicia (militou na UPG clandestina, e xa na democracia foi concelleiro en Monforte de Lemos co BNG), Manuel María afiou a súa verba arredor de calquera tema, abranguendo unha cosmovisión que afondaba na idea de que a nosa língua é universal e fala de cosas universais.
TENRURA | |
Pouco importa que a ave da esperanza | |
ou a chispa amarela do desexo | |
crucen por nós como un salouco | |
para converterse en néboa | |
ou sombra esvaída na lembranza. | |
O que de verdade importa, | |
amada e irrenunciábel compañeira, | |
é a chama delicada da tenrura | |
coa que alcendemos o lume | |
no que queimamos a monótona | |
tristeza dos días e onde arde, | |
serea e mansamente, a árbore | |
fidel e rumorosa da nosa propia vida. |
“Aínda teño a esperanza”, extraído do poemario “Versos de lume e do vagalume” publicado en 1982, semella que foi escrita pensando na andaina que eu mesmo ía comezar neste ano 2021 en marzo, en compaña de meu irmán Carlos, percorrendo as parroquias galegas para presentar o meu novo disco “Popsía Vol. I”.
- Ainda teno a esperanza Fran Amil e a tribo incompren 3:07
Aínda teño a esperanza de poder | |
percorrer unha por unha | |
todas as parroquias de Galiza, | |
lugares e casais, | |
andar porta por porta, | |
dialogar persoa a persoa | |
face a face, | |
pois non hai tarefa máis urxente, | |
fermosa, nidia e necesaria. | |
Gastarei o meu corpo nos camiños | |
ata ser po, seixo e silveira. | |
A miña voz, de tan usada, será | |
o levísimo eco dun rumor: | |
só fundamento de semente | |
que apenas poderá rozar | |
a intimidade choída dos galegos, | |
estraña tribo incomprensíbel | |
feita de tebra, vento e cantería. | |
Percorrer unha por unha todas as parroquias de Galiza, dialogando persoa a persoa, é unha das maiores satisfaccións que me aportan os meus discos “A Voz do vento” e “Popsía Vol. I”. Non hai tarefa máis urxente, fermosa, nidia e necesaria. Gastarei o meu corpo nos camiños ata ser po, seixo e silveira. E non estou só, que sempre me acompañan grandes amigos e músicos, como Richi Casás e Fernando Román. Desta volta, xuntámonos na Casa Lourán, en As Restrebas no Val de Xestoso, parroquia do concello de Monfero en A Coruña, onde Anabel González acolleunos con amor. A escusa para facer unha visita a tan fermoso e acolledor lugar foi a de xuntármonos para facerlle unha homenaxe a Manuel María, tocando unha versión en acústico de “Aínda teño esperanza”, rascando eu a guitarra rítmica, Richi o saxo alto, e Fernando o cavaquinho. Desfrutádea.
Para ver e escoitar o video, premede enriba da foto.
Se quedades con ganas de coñecer máis cousas sobre o poeta da Terra Chá, podedes facer unha visita á Casa-Museo Manuel María.
Se queredes ver máis efemérides relacionadas co disco “A voz do vento” pinchade AQUÍ.