Charla-concerto Popsía (Fran Amil) no Salón dos Voluntarios, en Muxía. O 22 de febreiro de 2026, ás 18:00. Entrada: 2€. Programa Lingua a escena, da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Ainda teño a esperanza – Fran Amil e a tribo incompresníbel

Gonzalo Francisco López Abente naceu en Muxía o 24 de marzo de 1878. Percorreu Europa antes de retornar para a súa terra. Namorado dela, adicóulle boa parte da súa producción literaria. Sería recoñecido como “o poeta do mar”. Traballou na banca. Foi director da Irmandade da Fala de Muxía e morreu en 1963. En 1971, o ano do meu nacemento, adicóuselle o Día das Letras Galegas.

Gonzalo Francisco López Abente

Xervasio Paz Lestón naceu tamén en Muxía. No lugar de Serantes (o meu segundo apelido é Serantes), na parroquia de Moraime. o 23 de outubro de 1898. Vinte anos despois de López Abente. Tamén foi escritor e xornalista, chegando a ser o secretario da Sociedade Cultural y Agraria del Distrito de Mugia (sic) e impulsor do Boletín da mesma, que foi editada entre 1923 e 1934, en Bos Aires, Arxentina. No Boletín colaborou con poemas en galego baixo pseudónimnos como “Alma nobre” e “Buxeran”.

Xervaxio Paz Lestón e irmáns

Gonzalo López Abente era neto de Leandro Abente, médico de Muxía e irmán da nai do bardo Eduardo Pondal, menor de sete irmáns. Gonzalo chegou a dirixir “El eco de Mugía”, prensa local publicada entre 1902 e 1904. Na súa cabeceira podemos ler “Periódico independiente. Defensor de los derechos generales del partido Judicial de Corcubión”. O seu número 21, con data 13 de setembro de 1903, abre cun artigo en torno ás Festas en honra da Virxe da Barca, patrona de Muxía. O seguinte poema, de Victoriano Abente, acompaña o editorial:

Volta pr’a terra

Eu de soedades morría / nas terras de donde veño / e volvín para Mugía / Miña vila, donde teño / gardad’a miña alegría / Da Virge da Barca ó par / abogada do mariño / está o meu querido lar / ó pe do monte Corpiño / junta da veira do mar. / Da Virge a branca capela / desde longe estase vendo / perto da pedra da vela / e os tombos do mar, fervendo / escachan debaixo d’ela. / Alí na costa bravía / abala a pedra da Barca / que chama para Mugía / Gente de tod’a comarca / nos días de Romería. / Da genio ver cando chea / de romeiras e romeiros / soando a pedra abanea / e a o compás dos pandeiros / botan cántigas da aldea. / Cousas do tempo pasado / fálanme todo o que miro / e o corazón magoado / ceiba un profundo sospiro / do fondo peito arrincado. / Naquelas brancas ribeiras / cantas veces rebuldadndo / os pes mollaba nas beiras / e a os tumba-gatos jogando / pasaban houras enteiras. / No medio da praza aquela / jogaba as veces a o trompo / e outras veces a estornela. / E unha vez casi me rompo / co palán, unha canela. / Ai como miña alma chora / aqueles tempos pasados / que ja non volven agora! / Anos tan empauliñados / aqueles que pasei fora! / Cousas do tempo pasado / fálanme todo o que miro / e o corazón magoado / ceiba un profundo sospiro / do fondo peito arrincado.

Dasme a vida – Fran Amil

O 25 de setembro de 1853, durante a celebración das Festas da romería da Barca, un andazo de tifo acabou coa vida de Eduarda Francisca González Pondal, irmán de Eduardo Pondal, bate de Ponteceso, autor de Queixumes dos pinos (de cuios versos, xunto coa música de Pascual Veiga, nútrese o himno galego) . Tiña 16 anos. Morreu na casa do médico Leandro Abente, irmán da nai dos Pondal, avó de Gonzalo López Avente e pai de Victoriano Abente Lago. Eduarda enfermou a canda Rosalía de Castro, convidada naquela casa a pasar as festas. Rosalía sobrevivíu e deixou conta do seu paso por Muxía no VI poema de “Cantares Gallegos”: “A Nosa Señora da Barca” e foi o lugar escollido para situar a súa primeira novela “La hija del mar”, de 1859.

La hija del mar – Rosalía de Castro
Cantares Gallegos – Rosalía de Castro

Muxía, vila da Costa da Morte, pertencente á comarca de Fisterra e que linda coas vilas de Cee, Vimianzo, Dumbría e Camariñas, acollerá o domingo, 22 de febreiro de 2026, a charla-concerto Popsia na que debullarei lembranzas de historias e versos dalgúns esgrevios literatos galegos musicados entre meu irmán Carlos e máis eu no ano 2019 e no ano 2020, que forman parte do traballo Popsía Vol. I autoeditado en 2021.

Desta volta, comezarei o acto ás 18:00, no Salón dos Volutnarios, sito na rúa A Camposa s/n. O concello de Muxía estableceu un prezo simbólico de 2€ para poder acceder ao evento.

Portada do EP “Negra Sombra – Ondas de San Simón”, anticipo do LP “Popsía Vol. I”, de Fran Amil .

Nesta entretida actividade de dinamización da lingua galega cantarei media ducia de cancións (pode que algunha máis) que complementarán un percorrido rápido e ameno sobre os fitos máis destacados da poesía galega dende o medievo (cantigas) ate os nosos días (autores do século XX e XXI).

Espero que vos animedes a vir, xentes da Costa da Morte. Xentes de Soneira, Nemancos. Xentes de Célticos. Xentes de Laxe, Baio, Ponteceso. Xentes de Bergantiños. Sodes todas benvidas. Música e literatura non han faltar. Abofé. Vémonos o 22.

Ondas de San Simón – Fran Amil