Charla-concerto Popsía no paseo marítimo do Temple, Cambre – 14 de xuño de 2025, ás 19:30

Este sábado teremos as verbas de Rosalía de Castro. Novamente espallaremos a evocación mariana do Rei Alfonso X. Traeremos o arrecendo das Ondas do mar de Vigo e as augas que baten contra a illa de San Simón. O ceo encherase coas súas cores nos roibéns de neve e ouro que describiu Luis Amado Carballo a comezos do século pasado. Estas aventuras e moitas máis acontecerán o sábado, 14 de xuño en Cambre. E máis concretamente no incomparable marco do paseo marítimo de O Temple.

Acontecerá ás 19:30, nun horario perfecto para escoitar unha proposta artística baseada no poder dos nosos literatos máis destacados dos últimos séculos. Se noutrora os tempos foron escuros, estes están tinguidos de luz. Da luz de Popsía Vol. I, o disco no que Fran Amil captura por sempre xamáis a beleza e o poder da palabra dos nosos poetas máis ilustres.

E tras do concerto de Fran Amil, poderán degustar as viandas marabillosas e os gorentosos bebedizos que atesouran os negocios da hostelería de Cambre. Por último, dar un paseo e cruzar a ponte, pasear polo veciño concello de Culleredo será un fermoso colofón. Porque a ría bica ambos concellos e estes devolven o bico con lugares fermosos polos que camiñar e darlle pulo á imaxinación e baixar a cea, en caso de ter sido copiosa ou para darlle brío á imaxinación.

Este concerto de Fran Amil en Cambre está enmarcado dentro do programa “Lingua a escena”, orientado á dinamización social da lingua galega, que presenta a Rede Cultural da Deputación da Coruña dende hai anos, nun labor continuado por levar ás aldeas, vilas e cidades galegas a cultura de noso. É o primeiro dos catro concertos en formato charla-conerto que Fran Amil ofrecerá nesta tempada 2025-2026, toda vez que a convocatoria da Rede Cultural se extende ata maio do 2026. Os tres seguintes concertos terán lugar en: Boiro ( 28 de xullo), Boimorto ( 12 de setembro) e máis en Muxía (xa para o ano 2026, o día 17 de febreiro).

Esperamos vervos nalgún destes concertos. Imos ter algúns agasallos e varias sorpresas que esperamos que vos encanten. Saúdos e moita música para ser máis felices!