CHARLA CONCERTO POPSÍA PARA INSTITUTOS E COLEXIOS

Un extraordinario acontecemento para achegar ao alumnado do ciclo superior de primaria, e o alumnado de secundaria, a lírica galega e a súa relación coa música, tomando como elemento referencial o disco de Fran Amil “Popsía Vol.I”.

A charla divídese en dous grandes bloques. No primeiro, analizaremos a aparición e evolución da música, dende a música rudimentaria xurdida na Prehistoria, ata a profundidade e riqueza melódica da música lixeira actual. Naturalmente, esta análise é unha visión reducida e sintetizada, acaída a un formato de charla concerto.

No segundo bloque faremos unha viaxe pola historia da literatura galega, centrada no desenvolvemento da lírica e nos nomes de poetas e títulos de obras trascendentais, recollidas no disco de Fran Amil “Popsía Vol.I”.

O concepto que manexamos deriva de que a música e a poesía están intimamente vencelladas, pois ámbalas artes comparten, como nexo na súa estrutura máis íntima, a semente do ritmo. O ritmo como identidade común exerce, así, unha relación de irmandade que agromou xa no nacemento de ámbalas artes.

A través dun percorrido histórico onde se perfilan as interrelacións entre poesía galega e música, achégase unha escolma de pezas onde clásicos do repertorio da canción galega se amosan co seu tratamento ortodoxo e a versión heterodoxa aplicada polo cantante Fran Amil a textos recoñecidos e outros con menor difusión pero pertencentes igualmente a poderosas e recoñecibeis voces da lírica galega de todos os tempos: Mendiño, Afonso X O Sabio, Rosalía de Castro, Amado Carballo, Celso Emilio Ferreiro, Avilés de Taramancos, Manuel Leiras Pulpeiro, Xosé María Díaz Castro…

Unha proposta na que se presentan os contidos que engloban o proxecto “Popsía” dun xeito lúdico e didáctico, dende unha óptica atractiva para a xente nova, mesturando unha actividade de entretemento e aprendizaxe iniciático.

Este formato revélase como unha formulación idónea para crear un vencello permanente entre a mocedade e a música en lingua galega, unha canle de comunicación na fala de seu para entender que a lingua galega é universal e pode afacerse a calquera expresión artística actual e de vangarda, un xeito natural de interrelacionarse co mundo e cos achegados, un prantexamento básico para defender a valía e a importancia de expresármonos no idioma propio.

Obxectivos específicos
Aprender e entender a evolución musical dende a Prehistoria aos nosos días.
Comprender textos e mensaxes complexas, e iniciarse no coñecemento, a lectura e o estudio da lírica galega.
Coñecer, valorar e respectar os aspectos básicos da cultura e as historias propias e as dos demais, así como o patrimonio artístico e cultural.
Coñecer e entender as claves das adaptacións musicais de textos líricos previos.
Asociar diferentes momentos históricos cun tipo de literatura e de música propios de cada época.

Para contratar a charla concerto: escribide un mail a franamil@gmail.com