
Pepe Cunha fala de “Popsía” en Ábrete de orellas
Fran Amil “Popsía. Vol.1”
As cancións tiradas de versos ou poemas adoitan ir acompañadas dun certo halo de solemnidade ou seriedade. Polo menos iso debeu motivar o músico coruñés Fran Amil (Os Papaqueixos, Os Diplomáticos de Monte Alto, Os tres trebóns, Ultraqans, Chuches Amil …) para nos propor unha alternativa desprexuizada e estimulante que leve clásicos da lírica galega a ritmos bailábeis de pop, soul, rock ou funky … E ademais faino sen esquecer as nosas raíces, como el mesmo apunta: “Coa escolla da onda musical que brindamos nestas composicións procuramos a mestizaxe coas raíces da música galega”.
En conxunto, consegue tirar a parte máis lúdica da lírica e traerlla á mocidade e ás familias con cancións ben redondeadas e enchoupadas de sons populares das últimas décadas. Iso si, libres do verniz de reggaeton, trap ou autotune, cunha produción brillante e limpa onde é doado apreciarmos o traballo de cada un dos músicos solventes que participan: Paco Cerdeira nas guitarras, Richi Casás nos ventos, Antón Torroncho no baixo, coros de Carmen Rey e Ángeles Dorrio, Álex Salgueiro ao piano …
Probabelmente as funky “Negra sombra” de Rosalía de Castro ou a cantiga de amigo “Ondas de San Simón” de Mendinho sexan, por populares, os exemplos que de primeiras chaman a atención co seu ton xubiloso, pero unha vez entremos na onda do disco iremos gozando do tratamento máis ou menos roqueiros de “Pena da roca” (Leiras Pulpeiro), “Mentres canto” (Celso Emilio Ferreiro) ou “Coma brasas” (Xosé María Díaz Castro), reggae en “Rosa das Rosas” (Afonso X O Sabio), soul en “Aleluya” (Valle Inclán), a balada “Dásme a vida” (Avilés de Taramancos) ou o pop de “Candeloria” (Amado Carballo) e “San Martiño” de Antón Tovar.
Pepe Cunha, 5-xaneiro-2022
Xesús Fraga en La Voz de Galicia falando de “A voz do vento”

“Popsía Vol. I”, gravado a finais de xaneiro e principios de febreiro de 2020 nos Estudios Abrigueiro con Arturo Vaquero aos mandos técnicos.
A música e as adaptacións literarias dos poemas son de Carlos Amil e Fran Amil en ámbolos eidos. A cargo de Carlos vai tamén a produción musical.
Fran Amil ocúpase da voz, batería, percusións, programacións e coros. Un home orquestra, un talento desmesurado, un músico agraciado pola melodía contaxiosa e tarareable.
Deixamos constancia aquí dun plantel de músicos inigualabeis, cos que Fran tivo a honra e o privilexio de armar un disco de escándalo:
Antón Torroncho: Baixo eléctrico.
Paco Cerdeira: Guitarra eléctrica.
Ricardo Casás: Saxo tenor, saxo alto.
Manu Payno: Trompeta (En “Aleluya” e “Rosa das rosas”).
Álex Salgueiro: teclados (En “Aleluya”).
Francisco Rosa: Tres cubano (En “Rosa das rosas”).
Arturo Vaquero: Percusións (En “Aleluya”).
Ángeles Dorrio e Carmen Rey: coros(En “Aleluya” e “Rosa das rosas”).
Carlos Amil: recitado(En “Aleluya”).
O deseño da portada e contraportada, así como a ilustración, é de Brais Fierro a partir dunha idea de Carlos Amil.



Somos un pobo de artistas
Constantemente nesta cidade estamos recibindo novos estímulos de creadoras e creadores emerxentes. Ao tempo artistas de longo percorrido demostran, co argumento do talento e da experiencia que lles segue a correr máis a cabeciña que o almanaque.
Velaí “A Voz do Vento”, o novo proxecto, libro-disco de Fran Amil
Fran Amil, batería prodixioso. Fundador dun grupo mítico, Os Papaqueixos. Poder percutivo dos Ultraqäns. O ano pasado asinaba un libro-discoben fermoso: Chuches Amil. Hai só uns días, isto é unha primicia, un novo proxecto, “A Voz do Vento”. Unha visita en clave de rock and roll á poesía de Manuel María.
Manuel María, o gran poeta da Terra Chá, que elixiu libremente ser veciño da Coruña. A súa palabra, dende os anos sesenta foi pedra angular da música alega: Voces Ceibes; o Carro ou a Cántiga das Encrobas de Fuxan os Ventos. Con Suso Vaamonde e os seus “Soños na Gaiola”,literalmente inventou a música infantil. Parecía que estaba todo cantado. E chegou Fran Amil, para amosar a actualidade da súa poesía, con guitarra e distorsión.
A reposta da xente nova é inmediata. Dou fe, polos choutos que dan as miñas fillas na casa. Téñenme secuestrado o disco.
https://cadenaser.com/emisora/2016/03/16/radio_coruna/1458142333_369114.html