Ondas de San Simón

Letra: Mendiño

Adaptación da letra: Carlos e Fran Amil

Música: Fran e Carlos Amil

Arrancamos o disco cunha das cantigas de amigo consideradas un fito dentro da lírica tradicional galaicoportuguesa. Consérvase no Cancioneiro da Biblioteca Vaticana e no da Biblioteca Nacional de Lisboa (Cancioneiro Colocci-Brancuti). Unha peza do século XIII dun lirismo desesperado e suxerentemente tráxico no seu remate, no que Mendiño propón aos seus ouvintes un interrogante angurioso co verso final “E verrá?”. Nós transformamos ese “E verrá?” nunha ambigua suxestión de ondas de mar. Este verso é unha frase recorrente despois de “Eu atendend´o meu amigo” no poema orixinal, que nós obviamos na nosa adaptación por cuestións puramente rítmicas.

Ao fondo, de esquerda a dereita, Paco Cerdeira, Carlos Amil e Fran Amil. Diante, Arturo Vaquero

A onda funky do tema prodúceme unha especial satisfacción, pola axeitada execución da banda, formada para a ocasión por Paco Cerdeira na guitarra eléctrica, Ruchi de Baio no baixo, Gueorgui Oganesian no saxo tenor, María Quiroga na trompeta, Mandela no trombón, Miguel Vázquez na pandeireta, Arturo Vaquero nos teclados, Ángeles Dorrio, Carmen Rey y Sara Vázquez nos coros, e eu mesmo na batería e na voz principal.

Decidimos comezar o disco con este tema porque, alén do seu contaxioso ritmo, servía para marcar o terreo no que queriamos emprazar a nosa proposta: aires pop mesturados coas fondas raigames galegas da nosa música.

Lembrade que podedes ler a letra ao tempo que escoitades a canción.

  1. ONDAS DE SAN SIMÓN Fran Amil 2:38

Embed

Copy and paste this code to your site to embed.

Sedia-m’eu na ermida de San Simón
e cercáronme as ondas, que grandes son:
Que grandes son as ondas de San Simón.
Que grandes son as ondas de San Simón.
Eu atendend’o meu amigo!
Eu atendend’o meu amigo!
Estando na ermida ant’o altar
cercáronme as ondas grandes do mar.
Eu atendend’o meu amigo!
Eu atendend’o meu amigo!
Cercáronme as ondas, que grandes son;
non hei barqueiro, nen remador.
Qué grandes son, as ondas sen remador.
Cercáronme as ondas do alto mar;
non hei barqueiro, nen sei remar.
Eu atendend’o meu amigo!
Eu atendend’o meu amigo!
Non hei barqueiro, nen remador;
morrerei fermosa no mar maior.
Non hei barqueiro, non sei remar;
morrerei fermosa no alto mar.
No alto mar non sei remar
No alto mar non sei remar

Se queres ver máis letras do disco “Popsía Vol. I” pincha AQUÍ.