Vindeiros concertos de Fran Amil para o mes de setembro de 2025

En setembro temos dúas novas citas co noso proxecto Popsía:

A primeira delas será o día 5 en Neda, na Noite de bolos homenaxe a Marcos Neira, a partir das 21:30. É esta unha cita moi especial, pois Marcos foi unha persoa que pasou polas nosas vidas cunha enerxía desbordante, sempre cun sorriso que iluminaba os espazos e cun talento humano e musical de grande magnitude. Coñecino hai varias décadas, cando tocaba eu no grupo coruñés Os Papaqueixos. Percorrimos Galicia coa nosa peculiar fusión estilística da que Marcos era fan decladrado. Lembro que cada vez que nos atopabamos escachábamos a rir e fundiamos nunha aperta enorme. Marcos era un vehemente asaltapalcos. Mesmo relataba as súas fazañas nos concertos aos que acodía polo mundo adiante e o feliz que era e as risas que botaba cando daba detalles eran impagables.

Marcos e eu compartimos palco. El cos Cuchufellos; eu con Tres Trebóns, Ulträqäns ou outros proxectos. Compartimos xornadas insólitas cos Veraneantes, cando tocar e rir eran leit motivs poderosos.

Tiven a inmensa honra de contar con el e os Cuchufellos no estudio que tiven na Grela, na Coruña, do 2007 ao 2020, ao que alcumei Estudios Amil. Arreguizante (saído en 2013) foi o título do album que trouxo a estos fenómenos ata A Coruña para facer o seu derradeiro album de estudio. E tiven a sorte de que contasen comigo para grabalo.

Cartel “trucado” do orixinal, obra de Juanlu Nacha.

E no ano 2017 apareceu Pura Lá, o primeiro album da Ray Preiland Band que reuníu o propio Marcos, con quen grabei a batería de “Mistela estrobos”, “Serie B twist” e “Arrincando eucaliptos”. Un proxecto imaxinado e levado a cabo por Marcos que reuníu talento a esgalla.

E cando fixen un proxecto como Chuches Amil, dende Manzaneda convidáronme a actuar no Local sociocultural A Rebusca, durante o Festival A Rebusca de Outono, do ano 2016, no que tocarían por derradeira vez (ata o vindeiro 5 de setembro, para lembrar a Marcos, con todo o agarimo e xolda que merece) os Cuchufellos. Toquei para público familar, coa miña guitarra e bases electrónicas e algúns exemplares de Un conto ao revés quedaron en Manzaneda, atesourados polas amizades. E tamén toquei a batería, pero xa con Tres Trebóns, na mítica noite en que Cuchufellos encheron de emoción Manzaneda coa súa brutal música, na súa despedida dos palcos. Unha das máis marabillosas que escoitei dende que comecei na música en Galicia alá polos anos 90. Estética, actitude, poderío e saber facer. Todo. Cuchufellos tiñan todo. Son o meu grupo favorito de todos estes anos de ruta. Volven o 5 de setembro, a Neda. Prepárase, señora!

Quero agradecer á familia de Marcos por terme brindado un oco cando xa o cartel fora presentado públicamente (cos grupos que aparecen no cartel; grupazos), a última hora e tamén quero agradecer ao concello de Neda, por posibilitar a miña participación. Vai ser unha xornada moi emocionante. Non a podedes perder. De verdade. Paga moitísimo a pena.

Charla-concerto Popsía en Boimorto. Na Casa da Cultura

A segunda cita será o 12 de setembro, na Casa da Cultura de Boimorto, ás 19:30, en formato “charla-concerto” onde contarei historias da Poesía Galega dende o Medievo ata os nosos días, cunha charla que forma parte dun concerto no que cantarei algúns temas do album “Popsía Vol. I” e algúns dos temas de “A voz do vento”, con poesías de Manuel María. Este concerto está encadrado no programa Língua a escena da Rede Cultural da Deputación da Coruña, que dinamiza socioculturalmente o noso idioma.

Vémonos. E non esquezades ler; escoitar música; ir ao teatro; ir ao cine; vivir, definitivamente, dun xeito artístico. Ben o merecedes. Apertas e bicos.