Aniversario Impresión de “Cantos rodados para alleados e colonizados” de Manuel María

O 10 de maio de 1976 edítase o libro de poemas de Manuel María “Cantos rodados para alleados e colonizados” na Editorial Xistral (Monforte de Lemos). A editorial fora creada en Lugo en 1952 polo propio poeta da Terra Chá xunto con Ánxel Johán, e sacou unha colección de poesía galega co mesmo nome da editorial: a colección Xistral.

Dálle ao play

“Cantos rodados para alleados e colonizados” é un dos libros máis comprometidos de Manuel María cunha poesía militante, caracterizado por unha forte carga política, creado nos derradeiros estertores da ditadura franquista. Como escribe Manuel López Foxo nun artigo publicado no Boletín da Real Academia Galega Núm. 377, pp. 51-60, titulado “A poesía última de Manuel María. Os libros que abren o seu canto final”: “…Na nosa opinión, todos os libros que escribe Manuel María na primeira metade da década dos setenta conforman no seu conxunto unha obra poética de transición entre a súa poesía comprometida dos sesenta e a súa poesía última. Todo o que lle preocupou antes ao poeta como home comprometido coa súa xente e coa sorte do seu país, segue aí presente, e todo ese camiño que fai posteriormente cara a dentro, toda esa reflexión interior, está xa tamén aí. Nese sentido non se pode afirmar que cos libros que Manuel María escribe nos anos oitenta “parece querer incorporarse ás posteriores correntes líricas” (García 2016: 108) nin se pode dicir que “probabelmente os últimos libros de Manuel María […] acompasan os seus andares ao ritmo dos novos” (Mato 2011: 154), porque ese cambio na súa poesía, esoutro ritmo no seu canto, xa se produce nos anos setenta.”

No meu disco libro “A voz do vento”, editado no ano 2016 por A Mesa Pola Normalización Lingüística, incluín un poema do libro “Cantos rodados para alleados e colonizados”, titulado “Poema do alleado”. Arrodeeime de músicos tan talentosos como Paco Cerdeira na guitarra eléctrica e no ukelele, Álex Bardanca no baixo eléctrico, eu na voz solista e na batería, e coa colaboración especial do meu gran amigo Antón Díaz cantando comigo este fermoso tema. Da produción e mestura fixémonos cargo Paco Cerdeira e eu mesmo, e foi gravado en Estudios Amil.

  1. Poema do alleado Fran Amil e a tribo incompren 2:28

Embed

Copy and paste this code to your site to embed.

Son un bilingüista
moi apaixonado,
un colonialista
ben colonizado.
Teño unha língua nai
e unha língua pai
e unha lingua filla
que me marabilla.
Son un alleado
fino e progresista
ben domesticado.
¡Son un castrapista
como está mandado!
Oi, oi,oi, oi, oi, oi, oi, alleado (x2)


Déixovos unha gravación da canción “Poema do alleado”, que fixemos no concerto de As Pontes de García Rodríguez o 25 de marzo de 2022, na Casa Dopeso.

Para ver e escoitar o video, premede enriba da foto.

E non esquezades facer unha visita á páxina da Casa Museo Manuel María para coñecer máis cousas sobre o poeta da Terra Chá. Ou, mellor aínda, organizar unha viaxe ata Outeiro de Rei e visitala en persoa. E, por suposto, ler a literatura de Manuel María.

Se queredes ver máis efemérides relacionadas co disco “A voz do vento” pinchade AQUÍ.