Aniversario nacemento de Luís Amado Carballo

Alá van 121 anos do nacemento do enorme poeta Luís Amado Carballo (Pontevedra 2 de maio de 1901, 3 de setembro de 1927). Acanda o seu coetáneo Manuel Antonio, Amado Carballo é un dos renovadores da poesía galega de principios do século XX. Fundador do hilozoísmo e máximo representante, respecta a tradición poética e emprega metros populares para cantar á paisaxe.

“Proel” (1924), publicado en vida, é un libro que consta de 35 composicións máis un limiar no que o autor plasma a súa vontade de aunar tradición e renovación sen perder o compromiso coa terra.

O QUE MORREU NO MAR
Tiña doce netos
aquel mariñeiro,
todos eles caben
debaixo d’un cesto.

Se queredes afondar nas características da obra de Amado Carballo, facerlle unha visita a esta páxina de avangardas, ou a esta outra que fala das editoriais de Ánxel Casal.

Aquí estou en Pontevedra, diante da casa número 9 da rúa Benito Corbal (chamada do Progreso a comezos do século XX), ao pé mesmo da igrexa de San Francisco, onde en 1901 nacía no segundo andar Luís Amado Carballo.

Nesta casa da rúa do Progreso medrou como fillo único de Luís Amado de la Riega (de Pontevedra) e Consuelo Carballo Pesqueira (Redondela). Dende esta vivenda ía ás clases no Colexio Balmes, na Praza de Méndez Núñez, onde cursou estudos ata 1912, momento no que ingresou no daquela chamado Instituto Xeral e Técnico da cidade do Lérez. Neste inmoble do canto de Benito Corbal con Cobián Roffignac, Amado Carballo xogou e mesmo soñou cun porvir que non sabía que había tronzarse sendo el aínda moi novo.

“Candeloria”, extraído do libro “Proel”, foi o poema de Amado Carballo que prendeu en min. Unha sorte de tratamento case minimalista musicalmente que nos permitiu ancorar na ría donda do folk-rock. Grandísimo traballo de Antón Torroncho no baixo eléctrico, Paco Cerdeira na guitarra eléctrica, Richi Casás no saxo tenor e eu mesmo na batería e na voz e coros.

  1. CANDELORIA Fran Amil 3:16

Embed

Copy and paste this code to your site to embed.

Na catedral do abrente
hoxe casan os paxaros,
con nubes de neve e ouro
está o ceo galanado.
Ficou o día ancorado
na ría donda do ceo.
Os roibéns soben no lonxe
como rosarios de incenso.
O xantar do casamento,
roibo, na palma da man
das eiras madrugadoras,
xa está arranxado no val.
Lai larai larai, larai lai larai larai lai lai
lai larai larai…
Candeloria. (x2)
Vai tocando polo campo
a sua zanfona o rego
e canta o vento nas farpas
sonoras dos piñeiros.
O campo as montanas ruzas
envolve en capa pluvial,
co hisopo do sol mollado
dalles a beizón nupcial.
Do casebre nugallán
soben os vivas dos galos
e na festa desta noite
estrena un luar o campo.
Lai larai larai, larai lai larai larai lai lai
lai larai larai…
Candeloria. (x2)

Aquí vos deixo unha versión en formato trío, composto por Alberto Romero á guitarra eléctrica, Fernando Román co saxo soprano e eu mesmo coa batería eléctrica e a voz. A gravación provén do bolo que dimos en Valdoviño (A Coruña) o venres 11 de marzo de 2022. Na mesa de son estivo Miguel Otero. Desfrutádea.

Podedes botar un ollo a este enlace para escoitar o que sobre Amado Carballo di Xoán Babarro.

Se queres ver máis efemérides relacionadas cos autores líricos do disco “Popsía Vol. I” pincha AQUÍ.