Aniversario de nacemento de Antón Tovar

En Pereira, Rairiz de Veiga (Ourense) nacía hai cen anos o poeta Antón Tovar. O día 26 de outubro de 1921 tivo o seu primeiro contacto cun mundo que había de estrañar, e que lle amosaría a face existencialista para mergullarse na procura de respostas (máis ben coa misión de facer preguntas que el sabía de difícil resposta, ou directamente sen resposta posible).

Creador literario nunha época escura para a palabra na nosa fala, Antón Tovar soubo desenvolverse tamén en castelán. Pertencente ao que se chamaría Promoción de enlace, que non é outra que aquela que enlaza á Xeración do 36 coa Xeración das Festas Minervais. A esta última pertencen algúns dos autores que arriquecen os meus discos: Avilés de Taramancos ou Manuel María.

Tovar publicou o seu primeiro libro de poemas en castelán no ano 1955, “Barrio de nadie”, e o seu primeiro libro de poemas en galego no ano 1962, “Arredores”.

Deixemos que fale o propio Antón Tovar, a traveso da súa obra “Diario íntimo dun vello revoltado”, publicado pola editorial Galaxia, cando escribe: “28 de xuño de 1995. Diario íntimo dun vello revoltado. Teño moitos anos, non digo cantos, e estou cheo de achaques, máis ben enfermidades, algunha ruín, propia só da vellez, outra lonxana, que vén de lonxe, da mocidade; con respecto a esta, non estou convalecente, que é estar ben e non estar. Si, Diario dun velliño. Mais eu non me sinto vello e menos, claro, vedraño. Estou. O título do meu diario é unha licencia poética. (Relín e vin que estaba trabucado. A cousa é grave).

“Trémeme a man coa que pego no bolígrafo. Non sei por qué. É un pequeno suplicio. Deste tipo de suplicios sabe moito o Félix Vergara Vilariño, o noso grande, enxebre e claro poeta, esquecido por xentalla interesada.

“Os mortos non existen, deixan de existir cando os invade a morte, proceso do que non poden decatarse e do que moito sabía Epicuro. Hai os desaparecidos dos que os que vivimos sufrimos a súa lembranza. Só os parvos que din crer na inmortalidade poden atreverse, levados das mans dos curas, a falar, barallar das almas inmortais”.

“San Martiño” conxuga a ledicia e a retranca, a arela de vivir humanamente mesmo nos santos, e a min inspiroume esta peza de aroma funky e mesmo jazzístico, que puiden levar adiante porque teño a fortuna de traballar con algúns dos músicos máis grandes deste país, e mesmo de calquera país. Manuel Payno na trompeta, Ricardo “Richi” Casás no saxo tenor, Antón Torroncho no baixo, Paco Cerdeira chispeando na guitarra eléctrica e Fernando Román na gaita levan a canción a niveis siderais e paixonais. Sumar as gorxas privilexiadas de Carmen Rey e Ángeles Dorrio, e todo bule cara a estratosfera. Eu só pasaba por alí e eles enredáronme.

  1. San Martino Fran Amil 3:42

Embed

Copy and paste this code to your site to embed.

¡Ai!, San Martiño, San Martiño
-¡Ai!
¡Ai!, San Martiño, San Martiño
-¡Ai!

Na festa dos magostos
do San Martiño,
cando a castaña estoura
e canta o viño,
baixou do monte bébedo.

O santo ven a Ourense,
de vagariño,
para alcender a alegría
como un meniño.

Con meia capa ó lombo,
anda nas roldas de padriño.
Anda collendo a leña,
soprando lumes no camiño
de Montealegre
a Ceboliño.

-¡Ai!, San Martiño
-¡Ai!, San Martiño,
que anduvo na borralla
i emporcou o fuciño-.
Ai!, San Martiño. Ai!, San Martiño.

Ai!, San Martiño, que anda a bicar ás mozas coma un homiño;
Ai!, San Martiño, que ten unha noiva no Ribeiriño;
Ai!, San Martiño, que se deitou con ela;
Ai!, San Martiño.
-Ai!, San Martiño.
-Ai!, San Martiño,
que anduvo na borralla
i emporcou o fuciño-.

Para celebrar o centenario do seu nacemento, achegámonos á fabulosa Ínsua dos Poetas, ese extraordinario espazo que está a construír Luís González Tosar no que foi finca do seu pai (hoxe de propiedade pública nun movemento xeneroso de Luís González Tosar) en Esgueva, Madarnás, a cinco quilómetros de O Carballiño (Ourense). Aquí, nesta Ínsua dos Poetas que abeira a grandes voces da nosa fala, o espazo Antón Tovar acolleunos e deunos azos para interpretar unha versión acústica do “San Martiño”.

Para escoitala, premede no título enriba da foto.

Se queres ver máis efemérides relacionadas cos autores líricos do disco “Popsía Vol. I” pincha AQUÍ.