Cabodano de Luís Amado Carballo

Hoxe cúmprense 94 anos do pasamento do poeta Luís Amado Carballo (Pontevedra, 2 de maio de 1901, 3 de setembro de 1927), un dos maiores renovadores da poesía galega de principios do século XX, a pesares de morrer moi novo. Poeta visionario que foi quen de mesturar vangarda e tradición, Amado Carballo formou parte dunha chea de creadores que supuxo un alento de enorme trascendencia na cultura galega, que se vería abruptamente rabenada co golpe de estado que derivaría na guerra civil. Magoadamente, esta creba tivo grandes e dolorosas consecuencias para a cultura galega en xeral, xa que tardaría máis de vinte anos en volver asomar a cabeza publicamente.

Amado Carballo, Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro, entre outros, forman ese pelotón salientable da lírica galega de principios do século XX, a semente das extraordinarias colleitas de fin de século e de principios do século XXI que sitúan a Galicia na primeira liña poética.

CAMPANAS
Quixera bañar
o meu corazón
no morno lirismo
d’un rayo de sol.

Podedes botar unha ollada aos versos dos seus marabillosos poemas publicados nos libros “Proel”, ou “O Galo“, ámbolos dispoñibeis na Biblioteca Virtual Galega.

 “Candeloria”, extraído do libro “Proel”, prendeu en min axiña lle botei o ollo enriba. E xurdíu de xeito espontáneo a melodía e o tratamento folk-rock. É o tema do meu último disco “Popsía Vol. I” gravado co menor número de instrumentos: só catro (eu na batería, Antón Torroncho no baixo, Paco Cerdeira na guitarra eléctrica e Richi Casás no saxo tenor).

  1. CANDELORIA Fran Amil 3:16

Embed

Copy and paste this code to your site to embed.

 Na catedral do abrente
oxe cásans’os paxaros,
con nubens de neve e ouro
está o ceo galanado.

   Ficou o día ancorado
na ría donda do ceo.
Os roibens soben no lonxe
como rosarios d’encenso.

   O xantar do casamento,
roibo, na palma da man
das eiras madrugadoras
xa está arranxado no val.

   Vai tocando pol-o campo
a sua zanfona o rego
e canta o vento nas farpas
sonorosas dos piñeiros.

   O campo as montanas ruzas
envolve en capa pluvial
co hisopo do sol mollado
dalles a beizón nupcial.

   Do casebre nugallán
soben os vivas dos galos
e na festa d’esta noite
estrena un luar o campo.

Aquí deixo unha versión en acústico de “Candeloria” para celebrar o cabodano do poeta. Desfrutádea.

Se queredes ver máis efemérides relacionadas cos autores líricos do disco “Popsía Vol. I” pinchade AQUÍ.

Comments are closed.